A Xunta apoia a contratación de 15 doutorandos industriais para desenvolver a súa tese en empresas e centros tecnolóxicos galegos

As consellerías de Economía, Industria e Innovación e de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades invisten preto de 1,9 millóns de euros nesta terceira edición do programa Doutoramentos Industriais

Dos quince doutorandos, 12 serán contratados por empresas e 3 por centros tecnolóxicos

Este programa, ademais de potenciar a captación de talento e a creación de emprego de calidade, promove a transferencia de coñecemento das universidades ao tecido produtivo e fomenta a realización de proxectos de investigación industrial en empresas

Santiago, 23 de decembro de 2023

A Xunta de Galicia acaba de facer pública a resolución da terceira edición do programa de Doutoramentos Industriais, unha convocatoria conxunta da Consellería de Economía, Industria e Innovación e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que permite a contratación de 15 doutorandos por parte de empresas e centros tecnolóxicos e de innovación para a realización da súa tese nunha contorna empresarial.

Cunha axuda total de preto de 1.847.000 euros permitirá a contratación de 15 estudantes de doutoramento do sistema universitario galego para que desenvolvan a súa tese en empresas e centros tecnolóxicos galegos no período 2023-2027. En concreto, doce persoas doutorandas realizarán a súa tese en empresas e tres en centros tecnolóxicos en áreas de coñecemento como as Ciencias, as Ciencias da Saúde, a Enxeñaría, a Química, a Nanotecnoloxía ou a Biotecnoloxía.

As entidades beneficiarias -empresas e centros tecnolóxicos- pertencen ás provincias da Coruña (47%), Pontevedra (40%) e Lugo (13%). En canto ás persoas investigadoras doutorandas, un 60% son homes fronte a un 40% de mulleres. En canto á universidade galega á que pertence o programa de doutoramento e o director de tese da persoa investigadora contratada, o 60% corresponden á Universidade de Santiago de Compostela, o 33% á Universidade de Vigo e o 7% restante á Universidade da Coruña.

Ademais, os proxectos de investigación están orientados a resolver as necesidades e problemas da empresa ou centro de innovación e tecnoloxía que o acolle, favorecendo a investigación colaborativa e a transferencia de coñecemento, así como a captación de talento e a incorporación de persoal investigador á contorna empresarial.  

As axudas cobren tanto os custos de contratación, gastos relacionados co proxecto tanto na universidade como na empresa, así como apoios para a realización de estadías de tres meses no estranxeiro.

Entre os obxectivos deste programa atópanse promover a mobilidade, a colaboración e a transferencia de coñecemento, potenciar a formación de mozos e mozas investigadores, posibilitar a súa incorporación ás empresas e centros tecnolóxicos, así como fortalecer a vinculación entre o tecido produtivo e as universidades galegas.

Data de actualización: 23/12/2023