Últimos días para que mulleres das provincias de Lugo e Ourense se inscriban no programa ‘Lideramos’ co que a Xunta impulsa a formación en xestión de equipos

Un cento de mulleres das catro provincias poderán participar en obradoiros e clases maxistrais, en sesións de networking e formación presencial

O proxecto busca reducir a os teitos de cristal nos postos directivos das empresas

Galicia sitúase como unha das tres primeiras comunidades de España onde as mulleres ocupan máis postos de xestión executiva
 

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2023

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade mantén aberto o prazo de inscrición para que mulleres interesadas das provincias de Ourense e Lugo poidan sumarse ao programa formativo Lideramos, dirixido a impulsar o talento feminino e a formación específica en xestión de equipos. A Xunta ofrece 120 prazas nas catro provincias, tendo completado o aforo nas da Coruña e Pontevedra. As actividades desenvolveranse entre o 27 de decembro e o 11 de abril.

A formación impartirase en modalidade híbrida. Estará composta por obradoiros e clases maxistrais para os equipos de traballo e sesións de networking e formación presencial.

O programa Lideramos céntrase no desenvolvemento do talento e na formación en competencias brandas -especialmente na área de xestión de equipos-, reforzando o compromiso da Xunta de Galicia a prol da igualdade de xénero. O Goberno galego quere reforzar o liderado feminino e a competencia da xestión executiva, impulsar o benestar nas empresas e tamén a relación entre as participantes no programa.

A maiores, búscase promover o autocoñecemento e o desenvolvemento persoal mediante sesións de coaching individualizadas e coñecer as principais forzas motivadoras dos diferentes equipos, así como alentalas a seguir progresando.

A inscrición está a dispor das interesadas na web www.lideramos.gal, que recollerá as novidades, eventos e contidos de interese que se xeren durante o transcurso do proxecto.

O arranque do programa realizarase oficialmente o día 27 de decembro na Casa das Campás de Pontevedra, nun acto institucional e de networking que contará coa presenza de representantes autonómicos, expertas en liderado feminino e mulleres participantes.

Con medidas como esta Galicia segue a consolidarse como a Comunidade referente, dentro das tres primeiras nas as mulleres ocupan máis postos directivos.

Data de actualización: 23/12/2023