A Xunta inviste este ano 1,4 M€ en 375 axudas para apoiar o emprego autónomo, o emprendemento e a contratación nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal

A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, puxo en valor este investimento durante un encontro coa encargada de Canido Veterinarios, unha das firmas beneficiarias do Plan Galicia Emprega
 

Un total de 145 autónomos recibiron axudas do Goberno galego para apoiar o inicio da súa actividade e outros 188 para consolidar a súa iniciativa empresarial

Ferrol, 23 de decembro de 2023

A Xunta apoia este ano con 1,4 M€ (375 axudas) o emprego autónomo, o emprendemento e a contratación nos municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal a través de diferentes liñas de axudas da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, mantivo esta mañá un encontro coa encargada de Canido Veterinarios, Carmen Rodríguez, unha das firmas beneficiarias na comarca do Plan Galicia Emprega co que o Goberno galego pretende impulsar a formación e a contratación de mulleres, persoas paradas de longa duración, mozos e mozas, persoas discapacitadas e en risco de exclusión social.

Segundo explicou a delegada, a finalidade desta convocatoria que contou cun orzamento global de 10,5 M€, “é a de apoiar o traballo naqueles colectivos con máis dificultades para atopar un emprego”. Nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal repartíronse 34 axudas por un importe próximo aos 440.000 euros.

Aneiros informou ademais de que, a través do programa para a contratación indefinida e a formación de persoas asalariadas, a Xunta concedeu outros 46.000 euros en axudas a 5 beneficiarios de Ferrol e Narón. “A finalidade desta orde é a de favorecer a creación de novos empregos estables e de contribuír ao crecemento de pequenas unidades produtivas con potencialidade para a creación de emprego a través da concesión dunha contía fixa que contribúa a que as autónomas e autónomos fagan fronte á contratación de traballadores”, explicou a delegada territorial.

Nova convocatoria para emprendedores

Martina Aneiros puxo en valor tamén unha nova liña de axudas da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destinada a apoiar o emprendemento que beneficiou con preto de 80.000 euros a cinco firmas das comarcas de Ferrol e Eume.

Estes apoios autonómicos estiveron dirixidos a diferentes colectivos (pemes, persoas traballadoras autónomas, sociedades mercantís ou laborais e empresas vinculadas á economía social). Esta convocatoria coa que o Goberno galego financia investimentos e impulsa o emprego en iniciativas emprendedoras cunha antigüidade máxima de 42 meses, mobilizou arredor de 10,7 M€ en toda Galicia.

Apoio ao traballo autónomo

A delegada territorial informou ademais de que nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal 145 autónomos recibiron axudas para apoiar o inicio da súa actividade por un importe de 576.500 euros a través do programa Xempre Autónomo, destinado a persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional como traballadores autónomos ou por conta propia. Este programa contou con 12 M€ de orzamento en Galicia este ano.

Outra das ordes de axudas xa resolta é o Bono Autónomo que financia investimentos para a consolidación dos negocios xa en marcha e que, segundo trasladou Aneiros, deixou este ano nos municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal un total de 188 achegas por valor de 336.229 euros.

Esta convocatoria dispuxo de 8 M€ para toda Galicia en 2023 e pretende apoiar a consolidación dos autónomos que leven, polo menos 42 meses de actividade empresarial. “Trátase de achegas de ata 3.000 euros para mellorar a competitividade”, explicou Aneiros que lembrou que esta foi unha medida pioneira posta en marcha en 2017 e da que se beneficiaron ata o momento 10.300 traballadores deste colectivo cun orzamento próximo aos 23 M€.

 

Data de actualización: 23/12/2023