A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presidiu hoxe o Consello Asesor da Paisaxe, reunido para ratificar as actuacións de 2023

A Xunta emitiu preto de 1.200 informes paisaxísticos en 2023 e sumou case 20.000 visitas ao seu visor dixital A paisaxe de Galicia desde a bicicleta

Ángeles Vázquez salienta o labor do Instituto de Estudos do Territorio a prol da protección das diferentes formas de paisaxe e da cultura do fermosismo

O ano pasado o organismo autonómico axudou a 48 concellos e a 352 familias a mellorar a imaxe de vivendas e outras construcións, entregou 18 bandeiras verdes a outros tantos municipios e presentou 3 novas guías de integración paisaxística

Avanza que de cara ao 2024 está previsto aprobar a Estratexia de infraestrutura verde galega, incrementar o número de rutas ciclistas descargables, presentar dous novos manuais no marco da Colección Paisaxe Galega e elaborar un estudo pioneiro para analizar os efectos do cambio climático na ordenación do territorio

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2023

A Xunta de Galicia, a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET), emitiu o ano pasado un total de 1.186 informes en materia paisaxística, unha intensa actividade neste eido que reflicte o traballo e o esforzo realizado polo organismo autonómico encargado de velar pola posta en valor e a protección da paisaxe galega nas súas diferentes formas.

Así o destacou esta mañá a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante o Consello Asesor da Paisaxe, órgano creado en 2019 para analizar e orientar as políticas sectoriais da Xunta e que como cada ano por estas datas se reuniu para ratificar o informe de actuacións desenvolvidas en 2023 nesta materia e avanzar os principais proxectos de cara ao próximo exercicio.

Ao respecto, a responsable autonómica salientou que foi un ano “clave” no eido paisaxístico, subliñando a modo de exemplo a intensa actividade realizada polo IET, que se plasmou na emisión de 1.186 informes, solicitados principalmente no marco dos procedementos de avaliación ambiental de diferentes tipos de iniciativas (381).

Neste sentido, tamén se referiu ao visor dixital A paisaxe de Galicia desde a bicicleta, presentado a finais de 2022 e que se consolidou ao longo de 2023 como unha das ferramentas interactivas do IET máis consultadas. En concreto, no seu primeiro ano operativo, indicou que o visor recibiu 19.536 visitas, tivo máis de 6.300 usuarios frecuentes e rexistrou case 1.100 descargas. Ademais, segundo avanzou a vicepresidenta, a intención é incorporar novas rutas para completar as 52 dispoñibles actualmente.

De igual xeito e no marco da aposta do Goberno galego nos últimos anos polo fermosismo, Vázquez Mejuto indicou que a terceira convocatoria das axudas do IET para a corrección de impactos paisaxísticos en edificios, equipamentos, vivendas e outro tipo de construcións, públicas e privadas, saldouse o ano pasado con 48 entidades locais e 352 familias beneficiarias.

A partir do 15 de xaneiro abrirase unha nova convocatoria, a cuarta xa, dotada cun orzamento global de 2 millóns de euros, 1 millón para a liña dirixida a concellos e 1 millón para as axudas destinadas a propietarios particulares.

Neste 2023 tamén se convocou o galardón bandeira verde, cun total de 18 municipios galegos premiados, e o IET publicou —en papel e en formato dixital— tres novas guías de boas prácticas para facilitar a integración paisaxística dos sistemas de conterización de residuos municipais, das áreas empresariais e dos portos de Galicia.

Próximos retos e proxectos

Entre as principais novidades nas que traballa o departamento autonómico para seguir avanzando na protección e na ordenación da paisaxe, a vicepresidenta incidiu en que a Xunta quere consolidar ao longo de 2023 os avances e iniciativas que xa ten en marcha ao tempo que apostará por outros plans e liñas de actuación novidosas.

Con relación aos novos retos, un dos fitos que marcarán 2024 será a aprobación da Estratexia galega de infraestrutura verde e da conectividade e a restauración ecolóxica de Galicia, un documento clave neste eido.

En canto ás iniciativas do IET ás que se lle dará continuidade, subliñou a participación de Galicia en dous proxectos europeos relacionados co impulso das infraestruturas verdes: o Green Gap, en colaboración con Portugal, e o GIFT (Green infraestructure for forest and trees), enmarcado no programa Interreg Europe.

Con relación ao primeiro, cómpre destacar que entre as actuacións concretas a executar destaca a elaboración dun Plan da paisaxe no territorio transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal, o primeiro instrumento deste tipo no que participa a Comunidade e cuxo obxectivo será potenciar os valores paisaxísticos característicos do Esteiro do Miño.

Colección Paisaxe Galega

Así mesmo, tamén está previsto darlle continuidade á Colección Paisaxe Galega do IET, que engloba ata o momento un total de 15 volumes e o visor dixital das bicicletas que teñen como fío condutor axudar a divulgar os valores paisaxísticos da Comunidade entre administracións públicas, colectivos profesionais e cidadanía en xeral.

O obxectivo é que nos vindeiros meses se sumen á mesma dúas novas guías de boas prácticas —a de terrazas nos espazos públicos e a de integración de servizos xerais en áreas de lecer— ao tempo que está prevista a actualización da Guía de estudos de impacto e integración paisaxística.

Ademais e tamén no marco desta mesma colección, cómpre destacar a elaboración por parte do IET dun estudo para a análise da ordenación do territorio baixo os efectos do cambio climático, co que se buscará obter unha metodoloxía para que os distintos instrumentos de ordenación do territorio e do urbanismo legalmente previstos integren a variable do posible impacto deste fenómeno a nivel global.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/12/2023