A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou hoxe os centros de día e ocupacional de Ámbar en Ribeira

A Xunta incrementa un 30% o investimento nas prazas de atención á discapacidade a través do concerto social

A entidade ribeirense pasará a recibir 831.00 euros ao ano para o financiamento de 69 prazas públicas

Tamén se beneficiou este ano da nova orde de axudas do Goberno galego para a adquisición de vehículos

Ribeira (A Coruña), 22 de decembro de 2023

A Xunta de Galicia investirá un 30% máis nas prazas de atención diúrna e residencial para persoas con discapacidade que xestionan as entidades sociais a través das convocatorias xa en marcha do concerto social. Así o sinalou hoxe a directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, durante unha vista ao Centro de Recursos da Barbanza de Ámbar, onde está asociación ten en funcionamento centro de día e un centro ocupacional.

Begoña Abeijón explicou que, a través do concerto social, Ámbar pasará a recibir 831.000 euros ao ano para o financiamento de 69 prazas públicas nos seus centros, o que supón un aumento superior aos 200.000 euros que recibe cos contratos actuais. Ademais, repasou outras colaboracións que ten o Goberno galego con Ámbar por medio da liña de axudas do IRPF ou a concesión este mesmo ano dunha subvención de 42.700 euros para a compra dun vehículo destinado ao traslado dos usuarios dos seus centros.

A directora xeral destacou o compromiso de Ámbar coa plena inclusión, así como a profesionalidade e o cariño con que o seu persoal coida das persoas que acoden diariamente ás súas instalacións, e que fan desta entidade unha referente en Galicia no ámbito da atención á discapacidade.

Compromisos para 2024

Begoña Abeijón garantiu que o Goberno galego manterá en 2024 o seu compromiso coas entidades sociais, coas persoas usuarias dos seus servizos e coas súas familias.

Como exemplos deste compromiso, indicou que o orzamento da Xunta para o vindeiro ano eleva por riba dos 170 millóns de euros o que se destina a atención á discapacidade, un 4% máis que no vixente exercicio.

Tamén lembrou que están en marcha seis convocatorias de concerto social —unha por cada tipoloxía de discapacidade: intelectual, física, trastorno do espectro autista, parálise cerebral, enfermidade mental e dano cerebral adquirido—, coas que o Executivo autonómico blinda a continuidade de 5.000 prazas públicas en centros de día e residenciais distribuídas por toda a Comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/12/2023