Xosé Merelles salienta os 28 M€ que a Xunta destina en axudas para impulsar a diversificación e competitividade do turismo galego

O director de Turismo de Galicia responde unha pregunta no Parlamento sobre as políticas de apoio ao sector e aos concellos do seu departamento este ano

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2023

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, respondeu hoxe no Parlamento unha pregunta sobre as políticas de apoio do seu departamento ao sector e aos concellos galegos que cuantificou en 28M€ a través de distintas accións que chegaron ás catro provincias que se completarán con algunha outra antes de final de ano e que están a contribuir, asegurou, “a diversificar a actividade turística polo territorio e mellorar a competitividade do noso destino”

O director de Turismo referiuse, en concreto, ás liñas dirixidas aos profesionais do turismo en Galicia que comprenden distintos aspectos como a mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e restauración, que este ano recibiron 128 establecementos; ou para o mantemento da marca Q de Calidade Turística, en máis de 200. Tamén enumerou as subvencións ao sector turístico para a promoción da dixitalización, con 216 beneficiarios, contribuíndo, dixo, a que “incorporen solucións dixitais aos seus establecementos, servizos e procesos, para mellorar a súa competitividade”.

Neste sentido, tamén recordou que o Goberno autonómico está a xestionar fondos europeos para poñer en marcha de xeito complementario distintas liñas de apoio ao sector referidas a apoiar actuación de eficiencia enerxética en empresas turísticas, con preto de 70 beneficiarios, ou proxectos tractores para as contornas como liñas de axuda que impulsen a rehabilitación de edificios senlleiros do Camiño de Santiago para a súa transformación en establecementos turísticos, unha convocatoria que, como recordou, está agora mesmo aberta.

Recursos turísticos

Xosé Merelles indicou, ademais, que o modelo turístico galego inclúe tamén accións que non só apoian ao sector, senón tamén ás entidades locais, coa intención de contribuir á posta en valor dos seus recursos turísticos en distintos puntos de Galicia.

Neste sentido referiuse ás subvencións para o apoio das festas de interese turístico, as que apoian a mellora de infraestruturas turísticas especialmente nos concellos máis pequenos (con menos de 10.000 habitantes), que este ano beneficiou a máis dun cento de concellos ou as encaminadas a impulsar o embelecendo no litoral, lanzadas este ano con fondos Next Generation, que son máis de 60, entre outras.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/12/2023