A Xunta celebra o 6º Encontro de mulleres emprendedoras apoiadas polo programa que distribuíu desde o 2009 máis de 23 M€ entre máis de 1.800 axudas

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, participou en Santiago no acto no que -ademais de formación- houbo espazo para que as emprendedoras compartisen experiencias e para que mostrasen os seus produtos
 

Ademais da reedición do programa que hoxe se pon en valor, comprometeu o apoio do Goberno galego ao emprendemento incrementando o orzamento ao efecto ata os 30,6 millóns de euros o ano que vén
 

Tamén destacou o novo plan para fomentar a presenza feminina en profesións fortemente masculinizadas, con 2,25 millóns para formar e contratar unhas 300 mulleres que se incorporen a estes sectores
 

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2023

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, participou hoxe no 6º Encontro de mulleres emprendedoras apoiadas polo programa da Xunta que distribuíu este ano máis de 4,8 millóns de euros entre 362 iniciativas, contribuíndo a crear ou consolidar un total de 800 empregos femininos. No acto -no que tamén participou a directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao- púxose de relevo que o plan se reeditará en 2024, para seguir avanzando nunha economía que garanta a igualdade de oportunidades. 

Segundo destacou a secretaria xeral, a iniciativa que conta xa con 27 anos de traxectoria leva distribuído máis de 23 millóns de euros desde o ano 2009, permitindo a concesión de máis de 1.800 axudas para apoiar proxectos empresariais femininos que permitiron crear máis de 2.400 postos novos e o mantemento de case 1.100 preexistentes.  

En concreto, segundo recordou, o programa non só comprende axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres. Tamén medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos.  

O encontro

Vázquez destacou que o evento -que se celebra en Santiago de Compostela, na Escola Galega de Administración Pública- ten unha parte de formación e outra de encontro entre as participantes. Así, pola mañá houbo unha mesa de emprendedoras referentes na artesanía, na economía social, en entidades de base científica, na cultura e en sectores artísticos ou no comercio local. Tamén se falou das posibilidades que ofrecen os Polos de emprendemento e apoio ao emprego -con 12 activos na actualidade- e houbo unha formación presencial.  

Xa pola tarde, levaranse a cabo dinámicas de formación en grupo. A maiores, cómpre engadir que todas as persoas asistentes poderán visitar os postos de distintas emprendedoras para coñecer as súas iniciativas empresariais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/12/2023