A Xunta recibe 5 ofertas para a mellora do firme en catro estradas da provincia de Ourense ao seu paso por sete concellos

A actuación, licitada por máis de 1,2 M€, acometerase nas vías autonómicas OU-113, OU-114, OU-310 e OU-311, nos concellos da Mezquita, Castrelo do Val, Laza, Sarreaus, Verín, Vilardevós e Vilar de Barrio

A Xunta traballa co obxectivo de adxudicar os traballos a finais do primeiro trimestre de ano para a súa execución entre a primavera e o verán

As intervencións consistirán na rehabilitación mediante o fresado e a reposición do firme, ademais do repintado das marcas viarias

Incluiranse outras actuacións adicionais, como a limpeza e reperfilado das marxes das estradas e a execución de gabias de seguridade

A Xunta segue traballando para manter as vías de titularidade autonómica nas mellores condicións e garantir a seguridade viaria, destinando o vindeiro ano 53 M€ á súa conservación

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu 5 ofertas de empresas para executar as obras de mellora do firme nas estradas da provincia de Ourense OU-113, OU-114, OU-310 e OU-311, nos concellos da Mezquita, Castrelo do Val, Laza, Sarreaus, Verín, Vilardevós e Vilar de Barrio.

A actuación, licitada por un investimento de máis de 1,2 M€, prevese adxudicala a finais do primeiro trimestre de ano para a súa execución entre a primavera e o verán. O prazo dos traballos é de 6 meses.

As intervencións comprenderán a mellora e acondicionamento do firme nestas catro estradas autonómicas da provincia ao seu paso polos sete municipios.

Máis concretamente, os traballos consistirán na rehabilitación superficial do firme das vías autonómicas mediante o seu fresado e reposición, completando as intervencións co repintado da sinalización horizontal.

Ademais, inclúense outras actuacións adicionais, como a limpeza e reperfilado das marxes das estradas e a execución de gabias de seguridade.

Os terreos necesarios para a execución das obras pertencen ao dominio público das estradas, polo que non será necesario expropiar novos terreos.

O Goberno galego continúa a traballar para manter as vías de titularidade da Xunta nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria aos usuarios, destinando o vindeiro ano 53 M€ á súa conservación.

Data de actualización: 23/12/2023