A Xunta publica a convocatoria das axudas para a rehabilitación de camiños en zonas de concentración ou reestruturación parcelaria por 6 M€ para o 2024

Estas achegas, que se convocan por primeira vez, van dirixidas aos concellos e buscan acondicionar as vías de acceso rurais naquelas zonas de concentración ou reestruturación parcelaria xa rematadas

O prazo para presentar as solicitudes de axuda será dun mes dende mañá, día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (DOG)

Poderán ser beneficiarios os municipios que teñan dentro dos seus límites zonas de reestruturación ou concentración parcelaria rematadas, que conteñan un mínimo de 10 quilómetros de camiños nelas e cunha porcentaxe do uso da terra superior ao 39%

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural pola que se regula o Plan de Rehabilitación de camiños de zonas de concentración ou reestruturación parcelaria 2023-2024. A norma refírese á mellora de camiños municipais de zonas rematadas, unha iniciativa cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), ao abeiro do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020.

Esta é a primeira convocatoria destas características, e conta cun orzamento total de 6 millóns de euros. Estas achegas estarán financiadas nun 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, nun 17,5% pola Xunta de Galicia e o 7,5% restante polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e se tramitarán en réxime de concesión directa. O prazo para presentar as solicitudes de axuda será dun mes dende mañá, día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

O obxectivo destas subvencións é acondicionar as vías de acceso rurais naquelas zonas de concentración ou reestruturación parcelaria que xa estean rematadas -aquelas nas que se teña acadado a firmeza do acordo-. A contía da subvención a percibir será de ata un máximo de 200.000 euros -cun módulo mínimo da achega de 125.000 euros por concello beneficiario e cun módulo variable, resultante da suma do valor normalizado da lonxitude de pistas en concentración parcelaria e da superficie da concentración no concello correspondente, de ata 75.000 euros-, e terá unha intensidade do 100 % dos gastos subvencionables. Estas achegas deseñáronse para mellorar as infraestruturas rurais incluídas en zonas de concentración ou reestruturación parcelaria, tendo en conta a importancia destas vías para a cohesión social e territorial, ademais do favorecer a competitividade agraria e forestal.

Actuacións subvencionables

Así, serán subvencionables as actuacións de ampliación para o incremento da largura, que supoña a mellora da seguranza viaria ou permita o cruce de vehículos en zonas curvas, de baixa visibilidade ou entroncamentos; ou o incremento da lonxitude, sempre e cando se faga co fin de rematar o camiño nunha estrada ou noutro camiño. Así mesmo, subvencionaranse as actuacións de mellora encamiñadas a un reforzo do firme existente -coa incorporación de novas capas máis axeitadas ás características do tráfico rodado que soportan- ademais das obras de mellora de drenaxe, da seguranza viaria, reforzo de noiros ou de mellora da sinalización, entre outros.

Serán beneficiarios destas axudas todos aqueles concellos que teñan dentro dos seus límites zonas de reestruturación ou concentración parcelaria rematadas, que conteñan un mínimo de 10 quilómetros de camiños nelas e cunha porcentaxe do uso da terra superior ao 39 %. Asemade, as subvencións concedidas ao abeiro deste plan serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, tanto de orixe pública como privada, sempre que a intensidade máxima das axudas con fondos públicos non exceda o 100 % do importe elixible do proxecto.

Cada concello poderá presentar ata un máximo de tres proxectos, dos cales, á súa vez, cada un deles poderá comprender un máximo de tres actuacións. Para estes efectos, enténdese por actuación a intervención sobre un mesmo camiño, ou ben sobre varios, sempre e cando, neste último caso, as obras proxectadas teñan unha continuidade física.

Enlace á orde no DOG:

Data de actualización: 22/12/2023