A Xunta detecta en Vigo un novo caso de gripe aviaria en aves silvestres

O novo positivo corresponde a un exemplar de gaivota patiamarela (Larus michahellis) que, consonte aos protocolos establecidos, foi trasladado ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Carballedo, en Pontevedra

Esta detección realizouse no marco do Plan de vixilancia da influenza aviaria que desenvolve a Xunta e, ao afectar exclusivamente a aves silvestres, non implica cambios no status sanitario de Galicia en relación á influenza aviaria

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2023

A Consellería do Medio Rural comunicou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección dun exemplar de ave silvestre afectado por influenza aviaria, resultado confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid).

Trátase dunha gaivota patiamarela (Larus michahellis), atopada con sintomatoloxía clínica no concello de Vigo. Trasladada ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Carballedo, en Pontevedra, a ave foi mostrexada para proceder á análise laboratorial, procedéndose logo á eutanasia e eliminándose o cadáver conforme á normativa en vigor.

Con este novo caso son 13 os notificados en aves silvestres na nosa comunidade autónoma no presente ano 2023, correspondendo 12 a gaivotas e un a un exemplar de palleira parasita. 

Status sanitario

A notificación destes focos, ao afectar exclusivamente a aves silvestres, non implica cambios no status sanitario de Galicia en relación á influenza aviaria, nin supón ningunha restrición ou medida adicional ao comercio de aves vivas ou produtos avícolas derivados orixinarios da Comunidade Autónoma.

Lémbrase que na data actual a valoración de risco de aparición de influenza aviaria a nivel do Estado continúa a ser favorable, ao non estar aínda no período de maior afluencia na chegada de aves migratorias silvestres posibles portadoras do virus ao noso territorio. Deste xeito, na data actual mantense unicamente en Galicia certas medidas de prevención sanitaria nos 7 concellos da provincia de Pontevedra que pertencen á zona denominada de Especial Risco (Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa).

Porén, dada a importancia do sector avícola na nosa comunidade, cómpre continuar implementando as medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, de calquera tipo, tanto comerciais como particulares, especialmente aquelas destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como intensificar a vixilancia de calquera signo de enfermidade compatible tanto en explotacións avícolas como en aves silvestres, notificando a sospeita aos servizos veterinarios oficiais da Xunta. No caso de aves silvestres, esta comunicación pódese levar a cabo a través do teléfono de atención a cidadanía 012.

Lémbrase de novo que o virus circulante non ten capacidade significativa de infección nas persoas, aínda que por un principio de bioseguridade básica, recoméndase non manipular aves atopadas enfermas ou mortas e notificar o feito aos servizos veterinarios oficiais.

Data de actualización: 21/12/2023