A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, e o delegado territorial do Goberno galego en Pontevedra, Agustín Reguera, visitaron hoxe as instalacións

A Xunta destaca a calidade da atención do centro público ocupacional O Saiar que celebra o seu 35 aniversario

As persoas con discapacidade intelectual que acoden a este servizo reciben formación para mellorar a súa integración social e laboral

 

Caldas de Reis (Pontevedra), 21 de decembro de 2023

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, destacou hoxe a importancia do traballo que se realiza no centro ocupacional O Saiar, de titularidade pública, para mellorar as destrezas e habilidades das persoas que acoden diariamente aos seus talleres. Díxoo durante unha visita a este centro, que está a celebrar o seu 35 aniversario cunha xornada de portas abertas e na que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera. 

Tanto Begoña Abeijón como Agustín Reguera desexaron unhas boas festas e un feliz aninovo ao persoal, usuarios e familiares do centro. Así mesmo, destacaron os coidados e a calidade da atención que reciben as persoas con discapacidade intelectual que acoden ao mesmo, onde reciben formación que mellora a súa integración social e laboral 

Co obxectivo de blindar os servizos de atención á discapacidade, a Administración autonómica ten abertas as convocatorias de concerto social para consolidar unha rede pública de recursos formada por 5.000 prazas de atención residencial e diúrna a persoas con diferentes tipoloxías de discapacidade: intelectual, física, parálise cerebral, enfermidade mental, trastorno do espectro autista e dano cerebral adquirido. Ao financiamento destes servizos, o Goberno galego destina máis de 100 millóns de euros ao ano. 

O concerto social responde a unha demanda histórica do sector, que facilitará que as persoas con discapacidade non teñan que desprazarse longas distancias para acceder a unha praza pública. Ademais, dáse unha maior estabilidade ás entidades para que poidan manter no tempo uns servizos que son fundamentais para estas persoas e os seus usuarios.

Complexo natural CEMAR

A directora xeral tamén visitou as instalacións do complexo natural CEMAR, en Mondariz—Balneario. Begoña Abeijón coñeceu de primeira man os servizos que se prestan neste complexo e explorou cos seus responsables posibles liñas de colaboración en beneficio das persoas con discapacidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/12/2023