A Xunta participa nun proxecto europeo para a alerta temperá de incendios forestais mediante a xestión de datos vía satélite por intelixencia artificial

O director xeral de Defensa do Monte participou por videoconferencia na reunión de lanzamento deste proxecto de cooperación para o desenvolvemento de infraestruturas dixitais de datos, nubes conxuntas e novos sistemas espaciais

Na iniciativa, que lidera o Goberno de Estremadura, participan -ademais de Galicia-, institucións públicas e entidades privadas de Castela e León, Andalucía e Portugal
 

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2023

A Xunta, a través da Dirección Xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural, participa nun proxecto europeo Interreg centrado na xestión conxunta de servizos relacionados coas novas tecnoloxías para a prevención, preparación e resposta fronte catástrofes naturais e incendios forestais. O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, participou por videoconferencia na reunión de lanzamento desta iniciativa, un proxecto de cooperación para o desenvolvemento de infraestruturas dixitais transfronteirizas de datos, nubes conxuntas e novos sistemas espaciais, fixando estratexias comúns.

O proxecto, que se financia nun 75 % con cargo ao Programa Operativo Interreg Poctep 2021-2027, denomínase Redes de alerta temperás para a teledetección de riscos derivados do cambio e conta cun orzamento total de cinco millóns de euros, sendo o beneficiario principal a Dirección Xeral de Emerxencias, Protección Civil e Interior de Estremadura.

Ademais, tamén participan na iniciativa a Dirección Xeral de Protección Civil de Castela e León, a Universidade de Estremadura, o Centro de Investigacións Científicas e Tecnolóxicas de Estremadura, Cruz Vermella, a Axencia portuguesa do ambiente (APA), a Universidade de Aveiro e a Junta de Andalucía. 

Grazas a este proxecto, o beneficiario principal dispón dunha estación de descarga directa de datos dos satélites de observación da terra (Aqua, Terra, S-NPP e NOAA 20 da NASA e Copernicus da ESA), coa que se configurarán, desenvolverán e monitorizarán mediante intelixencia artificial diversos algoritmos (humidade, clorofila etc.) para modelos físicos que automaticen redes de alerta temperá. Estes datos servirán, entre outras finalidades, para a teledetección de incendios forestais.

Deste xeito, a Dirección Xeral de Defensa do Monte implementará o material informático necesario para recibir e analizar os datos e poder contar cunha rede de alerta temperá de detección de lumes transfronteirizos e da propia comunidade autónoma galega.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/12/2023