O presidente da Xunta participou no acto do 50 aniversario do hospital

Rueda destaca a construción do Novo Montecelo como exemplo da aposta da Xunta pola sanidade pública galega

Pon en valor o compromiso e vocación de todo o persoal sanitario

Salienta que a sanidade galega contará o próximo ano co orzamento máis elevado da súa historia, con máis de 5.000 millóns de euros
 

Pontevedra, 20 de decembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo hoxe como exemplo a construción do hospital Novo Montecelo, cun investimento estimado de máis de 170 millóns de euros, como exemplo da aposta da Xunta pola sanidade pública galega.

Así o destacou hoxe durante a súa participación no acto do 50 aniversario deste hospital pontevedrés, no que estivo acompañado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

Alí, puxo en valor que as obras de ampliación e reforma que se están executando en Montecelo teñen como obxectivo converter esta infraestrutura hospitalaria nunha das punta de lanza da sanidade galega.

Ademais, durante a súa intervención, o titular do Executivo Galego defendeu a excelencia do sistema sanitario galego, ao tempo que reafirmou o seu compromiso con seguir mellorándoo. Neste esforzo enmarcou o orzamento previsto para a sanidade o próximo ano, que ascende a máis de 5.000 millóns de euros, o máis elevado da historia.

Con todo, precisou que todas estas medidas só cobran sentido grazas ao esforzo diario de todo o persoal sanitario, a quen agradeceu o seu compromiso e vocación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/12/2023