A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, respondeu esta tarde a unha pregunta no Pleno Parlamento

A Xunta pídelle ao Goberno de España que desvele xa que vai pasar o 1 de xaneiro coas peaxes da AP-9 e da AP-53 e cos abonos do transporte público

Vázquez Mourelle lamenta que a 20 de decembro os galegos non saiban como quedarán as peaxes das autoestradas estatais, sendo previsible un novo aumento que as manterá como as máis caras de España

Salienta que a Xunta anunciou hai meses que conxelará por segundo ano consecutivo as peaxes das autoestradas autonómicas e decidiu prorrogar as bonificacións do autobús da súa competencia ante o silencio do Goberno central

Critica que o pacto de investidura do PSOE e do BNG renuncie a unha AP-9 galega e “venda como unha xesta” os descontos na AP-53, demanda constante da Xunta e dos concellos que o Goberno Sánchez non tivo ata agora a vontade política de atender

A Xunta reclama unha conexión Santiago-Ourense gratis para os usuarios, polo que lle pide ao Goberno que financie a peaxe do treito estatal como fai a Xunta no autonómico

Lamenta as ausencias existentes nese pacto de investidura que non recolle a autovía da Mariña, a autovía Ourense-Lugo, a variante ferroviaria exterior de Ourense ou a conexión coa alta velocidade de Lugo e Ferrol
 

Santiago de Compostela, 20  de decembro de 2023

A Xunta pídelle ao Goberno de España que desvele xa que vai pasar o 1 de xaneiro coas peaxes das autoestradas estatais AP-9 e AP-53 e cos abonos do transporte público.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, instou hoxe no Parlamento galego ao Executivo central a aclarar os plans previstos para as peaxes nas autoestradas estatais, que poderían incrementarse o vindeiro 1 de xaneiro arredor do 4% como consecuencia da aplicación do IPC.

Ethel Vázquez lamentou que a día 20 de decembro os galegos non saiban o que vai pasar coas peaxes, sendo o máis previsible que Galicia volva comezar outro ano coas tarifas das autoestradas de competencia estatal máis caras de España.

Fronte a esta carencia de información, a Xunta xa anunciou hai meses que vai conxelar por segundo ano consecutivo as peaxes das autoestradas autonómicas, a AG-55 e a AG-57, do mesmo xeito que decidiu xa prorrogar os descontos no transporte público da súa competencia, ante o silencio do Goberno central.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade referiuse ao pacto de investidura asinado entre o PSOE e o BNG como “inútil para os galegos”, posto que non cuantifica ningún investimento nin fixa prazos de cumprimento e ademais moitos dos compromisos incluídos son “directa e obxectivamente irrealizables”.

Criticou que en dito acordo se renuncie a unha AP-9 galega e que o BNG e o PSOE “vendan como unha xesta” os descontos na autoestrada AP-53, entre Santiago de Compostela e Dozón, cando esta vén sendo unha demanda constante do Goberno galego e dos concellos da traza que, ata o de agora, o Goberno Sánchez non tivo a vontade política de atender.

Ethel Vázquez explicou que a experiencia da AP-9 pon en evidencia que as bonificacións non son suficientes para captar tráfico, por iso a Xunta reclama unha conexión Santiago-Ourense gratis para os usuarios, solicitándolle ao Goberno do Estado que financie a peaxe en sombra do treito estatal, como fai a Xunta no autonómico.

A conselleira manifestou a inquedanza da Xunta ante este pacto de investidura que ademais renuncia a unha autovía da Mariña, a unha autovía Ourense-Lugo, á variante exterior de Ourense ou á conexión coa alta velocidade de Lugo e de Ferrol.

Ademais lembrou que o propio Ministerio de Transportes recoñeceu, na reunión mantida coa Xunta o pasado mes de outubro, que o vindeiro ano só se porá en servizo o treito Melide-Palas da autovía Lugo-Santiago, o que implica que esa conexión interior estratéxica non poderá estar rematada ata 2025.

Apuntou que esta falta de compromiso do Executivo en materia de infraestruturas en Galicia se estende a outros ámbitos como o transporte público, pois a 20 de decembro e os galegos descoñecen se o Goberno central prorrogará máis alá do 1 de xaneiro as bonificacións vixentes. Ante esta indefinición, apuntou a decisión da Xunta, anunciada esta mesma mañá polo presidente Alfonso Rueda no Pleno, de manter a partir de xaneiro as bonificacións no transporte público autonómico: isto é, no autobús interurbano, no transporte da ría de Vigo e no tren de vía estreita no caso de Ferrol.

Ethel Vázquez concluíu a súa intervención reiterando a petición ao Executivo estatal de que traballe polo interese xeral dos galegos, achegando información oficial e respondendo ás preocupacións máis urxentes dos cidadáns.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/12/2023