O investimento da Xunta na cultura galega aumenta un 44 % desde a pandemia e roza os 500 M€

O conselleiro Román Rodríguez intervén no Parlamento para valorar “o mellor momento da cultura en Galicia” con cifras históricas de emprego e consumo

O vindeiro ano resérvase unha partida que medra e superará os 105 M€

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, interveu no Pleno do Parlamento para compartir o gran crecemento do sector cultural galego nos últimos anos, que atravesa “o mellor momento da súa historia”. Como explicou, desde a crise sanitaria incrementouse nun 44 % o investimento en cultura e lingua, rozando os 500 M€ para seguir garantindo o acceso universal á cultura e o desenvolvemento dun sector cultural forte e competitivo que cree riqueza e benestar. A isto súmanse todos os investimentos que realiza a Xunta desde outros departamentos, cunha incidencia directa no ámbito cultural e que, en conxunto, supoñen preto do 3 % dos orzamentos cada ano.

Os datos ofrecen unha conclusión “clara”, que é que a cultura “vive un momento excepcional, cunha tendencia en positivo”, dixo o conselleiro de Cultura en referencia aos últimos informes publicados polo Consello da Cultura Galega. Así, relatou que o emprego acada unha cifra récord con un total de 36.600 persoas, 600 máis que hai un ano; as empresas continúan medrando, acadando máis de 2.100, e o consumo e a demanda de produtos e servizos culturais vive un momento de gran dinamismo e vitalidade, cun gasto das familias en cultura superior aos 441,8 millóns de euros.

En opinión do conselleiro, “estes indicadores supoñen un logro colectivo” e reafirman que a cultura galega superou as dificultades da pandemia con vigor e dinamismo e que temos unha cultura “aberta e libre”, polo que o Goberno galego seguirá incentivando e acompañando aos creadores e facendo a cultura “accesible a todos”, afirmou Román Rodríguez. Para iso, a Consellería de Cultura reserva para o vindeiro ano unha partida que superará os 105 M€ nos Orzamentos de 2024 e que consolida, un ano máis, o incremento dos fondos destinados á cultura. Esta aposta servirá a consolidar o traballo realizado a través do Plan Xeración Cultura e para desenvolver novas iniciativas.

Balance dos 40 anos

Nas últimas catro décadas, segundo o informe 40 anos de cultura galega en estatísticas do Consello da Cultura Galega, produciuse un avance sen precedentes. Garantiuse que todas as persoas tivesen acceso á cultura, creáronse e desenvolvéronse unhas industrias culturais e creativas propias e, desde que existen cifras, case se triplica o número de persoas que se dedican á cultura. O incremento en Galicia do hábito lector foi superior ao do resto do Estado; aumentou o coñecemento musical; duplicouse o número de afeccionados á fotografía, e multiplicouse por oito o número de persoas que escriben e creouse unha ampla rede de infraestruturas culturais, entre outros aspectos relevantes. Ademais, declaráronse máis de 783 bens de interese cultural, 167 deles desde 2009; Galicia conta con cinco Bens Patrimonio Mundial e hai 40 anos non tiña ningún declarado, e o último Premio Nobel español foi o galego Camilo José Cela.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/12/2023