O conselleiro do Mar e a presidenta de Cruz Vermella en Galicia asinaron un novo convenio de colaboración

Xunta e Cruz Vermella reforzarán o seu traballo conxunto en salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña

A cooperación faise a través do Servizo de Gardacostas e a Consellería do Mar destina 60.000 euros a sufragar as actividades de 2023 e as que se desenvolverán en 2024

Ambas as dúas partes levan máis dunha década colaborando nesta materia co obxectivo de sumar esforzos e avanzar na seguridade no eido marítimo-pesqueiro

Ata o pasado mes de novembro os seus operativos e voluntarios realizaron 176 adestramentos, actuaron en 18 emerxencias e realizaron sete remolques de buques

A Coruña, 20 de decembro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e a presidenta da Cruz Vermella en Galicia, Mercedes Casanova, asinaron hoxe a renovación do convenio de colaboración da Administración galega con esta entidade en materia de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña. A este acordo a Xunta destina 60.000 euros para sufragar as actividades realizadas ao longo deste ano e as que se desenvolverán o próximo 2024, con 30.000 euros para cada exercicio, e que inclúen, entre outras actuacións, operacións de rescate e de busca de desaparecidos no mar.

No acto de sinatura do convenio tamén estivo presente o subdirector xeral do Servizo de Gardacostas de Galicia, Lino Sexto, posto que a colaboración entre ambas partes materialízase a través deste organismo autonómico.

Esta cooperación implica a participación da Asemblea Autonómica de Galicia da Cruz Vermella Española, que conta con estacións e postos de salvamento ao longo do litoral galego, en tarefas de salvamento marítimo e loita contra a contaminación de forma coordinada cos medios da Consellería do Mar. Así, a entidade pon a disposición os seus medios operativos alí onde sexan necesarios e, pola súa banda, ao Executivo autonómico correspóndelle coordinar e colaborar coas tarefas que realice coa Cruz Vermella nesta materia. A Xunta leva destinado desde 2009 a esta finalidade máis de medio millón de euros (556.000 €) para sufragar as actividades realizadas.

Este acordo de colaboración enmárcase na aposta blindada da Xunta de Galicia pola suma de esforzos co obxectivo de avanzar na seguridade no eido marítimo-pesqueiro. Nesta liña, a conselleira do Mar lembrou que Galicia é a única comunidade autónoma que conta cun servizo de gardacostas propio e que este departamento leva máis dunha década colaborando coa Cruz Vermella no eido mariño en actuacións como exercicios prácticos de rescate, a divulgación entre o sector profesional dos métodos, técnicas e medios utilizados nestes exercicios, en cursos de primeiros auxilios para pescadores e na busca de desaparecidos no mar.

No que vai de 2023, a Cruz Vermella de Galicia realizou sete operacións de remolque e auxilio a barcos e cinco rescates. Foron 3 as actuacións de acompañamentos e escolta, unha asistencia técnica e dúas procuras ou buscas, ademais de unha evacuación sanitaria. Actuaron en 18 emerxencias e 17 operacións de dispersión e loita contra a contaminación, executando, para estar preparados para toda esta operativa, 176 adestramentos. Todo isto realízase de xeito coordinado coa Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima (Sasemar) e a través da colaboración autonómica neste ámbito tanto en materia de prevención como de emerxencias.

A base de salvamento marítimo de Cruz Vermella da Coruña, que en 2021 cumpriu 50 anos de historia, foi a primeira base da entidade en España. Actualmente, dispón de catro embarcacións –LS Condesa Pardo Bazán, LS Caixa de Badajoz, LS Branca Dúas e LS CR Sada, así como un coordinador e un técnico de Salvamento Marítimo e un setenta voluntarios que cobren as gardas da base as 24 horas do día e os 365 días do ano.

Servicio esencial para a comunidade

A Consellería do Mar reforzará o ano próximo a súa aposta por Gardacostas de Galicia ao incrementar un 12% os seus recursos e acadar os 30,2 millóns de euros, a cifra máis alta na historia. Este esforzo permite dotar ao servizo de dous helicópteros máis modernos e con mellores prestacións así como incrementar o número de patrulleiras.

Galicia é a única comunidade con este servizo que, operativo todas as horas do día e todos os días do ano, salvou nas súas máis de tres décadas de existencia as vidas de máis de 1.800 persoas con intervencións que sempre se realizaron de forma gratuíta e financiadas en solitario. Por iso a Consellería do Mar reclamou que o Estado contribúa ao soporte dunha actividade que é esencial e indispensable para a comunidade autónoma, dado que o Goberno central non dispón dos medios aéreos e marítimos suficientes para actuar dentro das súas competencias. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/12/2023