A Xunta apoia a nova liga Cíes-Rande que celebrará doce regatas na ría de Vigo durante 2024

A delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a vicepresidenta da Deputación, Marta Fernández-Tapias, presentaron este mércores o evento náutico

Vigo, 20 de decembro de 2023

A delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, participaron este mércores na presentación das doce regatas das ligas de Inverno-Primavera e Outono-Inverno Cíes-Rande que se celebrarán entre xaneiro e abril e entre outubro e decembro de 2024 na Ría de Vigo.

Neste sentido e grazas ao apoio da Xunta de Galicia a vela galega conta cun novo evento desestacionalizado como é a Liga Cíes-Rande. “O acordo permitirá navegar e competir os 365 días do ano en Galicia, ampliando a oferta, xa abundante, coa que conta a vela galega, nomeadamente na Ría de Vigo”, sinalou a representante autonómica.

Os clubs participantes serán o Monte Real Club de Yates de Bayona, Real Club Náutico de Vigo, Real Club Náutico Rodeira de Cangas, Club Náutico San Adrián de Cobres, el Club Social Moaña Mar e Liceo Marítimo de Bouzas ademais de contar coa colaboración da Real Federación Galega de Vela, o Club Marítimo de Canido e ARIVEN (Asociación de Entidades Náuticas Ría de Vigo).

A mandataria galega sinalou a importancia de que a vela galega conte cos mellores eventos deportivos do verán -como o Mundial J80 de Baiona, a Copa de España 420 e o Campionato de España Feminino por Autonomías da clase Elliot en Vilagarcía, neste 2023- pero ademais, coas mellores regatas do outono, do inverno e da primavera.

Neste sentido destacou o apoio da Xunta de Galicia á vela galega cun investimento de preto de 6 millóns de euros desde 2009 e que o ano que vén seguirá incrementándose co convenio de colaboración aprobado a semana pasada polo Consello da Xunta, que no conxunto de todas as federacións aumentan un 3% con respecto ao presente ano. Todo isto, dixo, posibilita que as licenzas federativas de vela sobrepasen as 2.300, a cifra máis alta dos últimos dez anos.

Liga Inverno-Primavera e liga Outono-Inverno

A Liga de Inverno-Primavera Cíes-Rande contará cunha primeira cita no calendario de competición no Club San Adrián de Cobres, o próximo 13 de xaneiro. A continuación será o Real Club Náutico Rodeira de Cangas o organizador, o 27 de xaneiro. O Real Club Náutico de Vigo acollerá a terceira proba o 10 de febreiro. A cuarta será para o Club Social Moaña Mar, o 17 de febreiro. O Liceo Marítimo de Bouzas encargarase da quinta, o vindeiro 16 de Marzo. A última regata será o 20 de abril con base nas instalacións do Monte Real Club de Iates de Bayona (MRCYB), onde tamén se celebrará a entrega de premios final da liga.

Tras a época estival a Liga Cíes-Rande volverá coa competición Outono-Inverno. O 14 de setembro o MRCYB será o anfitrión da primeira regata. O 5 de outubro o protagonismo será para o Liceo Marítimo de Bouzas. O 26 de outubro será a quenda do Real Club Náutico Rodeira de Cangas. O 16 de novembro será para o Club Náutico San Adrián de Cobres. O 30 de novembro tocaralle ao Club Social Moaña Mar e pecha o ano o Real Club Náutico de Vigo, coa regata e entrega de premios do 14 de decembro.

Data de actualización: 20/12/2023