A Xunta lembra á nova ministra de Inclusión, Seguridad Social y Migraciones que segue pendente a transferencia a Galicia do ingreso mínimo vital

Remitíuselle unha carta á titular desta carteira ministerial, Elma Saiz, para avanzar no traspaso da xestión desta prestación, ao que o Goberno central se comprometeu en xaneiro do ano pasado

Fabiola García critica os atracos que atopan os potenciais beneficiarios desta axuda estatal para acceder a ela por culpa das “incertezas” e “improvisacións” do Executivo central
 

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, volveu reclamar hoxe a transferencia da xestión do Ingreso Mínimo Vital (IMV), ao que se comprometeu o Goberno central en xaneiro do ano 2022 pero que segue sen executarse. Fíxoo na sesión do Pleno do Parlamento de Galicia na que indicou que o mes pasado se lle remitiu unha carta á nova ministra de Inclusión, Seguridad Social y Migraciones, Elma Saiz, para retomar esta cuestión. 

Fabiola García criticou os atrancos que se atopan os potenciais beneficiarios desta prestación estatal para acceder a ela por culpa das “incertezas” e “improvisacións” do Executivo central. Así, explicou que nestes tres anos de vixencia do IMV, o Ministerio realizou ata once modificacións da normativa que o regula e milleiros de persoas tiveron que devolver pagos indebidos porque o Ministerio non actualiza a tempo as contías que deben percibir.  

A conselleira detallou que ante a inseguridade xerada entorno ao IMV, os galegos en situación de vulnerabilidade optan por manterse na Renda de inclusión social (Risga). Neste sentido, lamentou que o Goberno central renunciara a experiencia das comunidades autónomas para xestionar o IMV, o que motiva a escasa cobertura e a baixa execución orzamentaria desta prestación pública, tal e como constatou a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef).

Así mesmo, criticou que o Ministerio lle diga non a esta transferencia para Galicia, cando si que a concedeu ao País Vasco, Navarra e, proximamente, todo apunta que tamén a traspasará a Cataluña.

Reforma da Lei de inclusión

Fabiola García sinalou que a falta de avances na xestión do IMV está condicionando a reforma da Lei de Inclusión Social de Galicia, na que a Xunta leva tempo traballando en coordinación coas entidades sociais

Ao respecto, indicou que a prioridade do Goberno galego é dar seguridade xurídica e asistencial aos galegos máis vulnerables, polo que nestes momentos non é posible avanzar na reformulación da Risga, que segue sendo necesaria para atender a todas aquelas persoas que non poden transitar ao IMV. Tamén lamentou que, a día de hoxe, non se pode saber se na modificación da Lei de Inclusión Social hai que incluír ou non a xestión do IMV.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/12/2023