A Xunta convoca para febreiro e marzo os propietarios dos terreos necesarios para completar a mellora integral da PO-235 na Lama, na que investirá 3,9 M€

Segundo recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia, o levantamento de actas previas terá lugar os días 6, 7, 8, 13, 14 e 15 de febreiro e a formalización das actas de ocupación os días 19, 20 e 21 de marzo na Casa do Concello

As obras foron licitadas a principios deste mes e o obxectivo é inicialas na primavera

Intervirase en 7 km desta vía, desde a parroquia de Seixido ata A Portela da Cruz, no límite coa provincia de Ourense, co obxectivo de mellorar as condicións de circulación e facilitar desprazamentos máis seguros

Ampliarase a calzada ata os 7 metros de ancho, distribuída en 2 carrís de 3 metros e con beiravías de 0,50 metros, ademais de cuneta transitable de 1,5 metros, e tamén se mellorará o trazado en diversas curvas

Esta nova actuación da Xunta culmina as actuacións de acondicionamento integral da vía ao longo dos seus 25 quilómetros, grazas a un investimento autonómico de 7,6 M€

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución da convocatoria, para o mes de febreiro e para o mes de marzo, dos actos expropiatorios necesarios para executar as obras que completarán a mellora integral da estrada PO-235 no concello da Lama.

As obras, licitadas a principios deste mesmo mes, suporán un investimento global de 3,9 M€, tendo en conta a expropiación dos predios necesarios para a súa execución.

A Xunta traballa coa previsión de iniciar na primavera esta 3ª fase de acondicionamento da PO-235, ao longo de case 7 quilómetros, entre a parroquia de Seixido e ata A Portela da Cruz, xa no límite coa provincia de Ourense. As obras contarán cun prazo de execución de 12 meses.

Segundo recolle hoxe o DOG, os actos para o levantamento de actas previas á ocupación están convocados para os vindeiros días 6, 7, 8, 13, 14 e 15 de febreiro, das 09,00 ás 14,00 horas, no Casa do Concello da Lama. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo os días 19, 20 e 21 de marzo, no mesmo horario e no mesmo lugar.

No seguinte enlace pode consultarse esta información:

As novas actuacións deseñadas polo departamento de Infraestruturas da Xunta nesta vía ao seu paso polo municipio, que se engaden ás xa realizadas anteriormente, teñen como obxectivo mellorar as condicións de circulación, facilitando desprazamentos máis cómodos e seguros aos veciños.

En concreto, nesta intervención actuarase nun treito de 7 quilómetros da PO-235, entre o quilómetro 18+100, á altura da parroquia de Seixido, e ata A Portela da Cruz, no quilómetro 25 da estrada.

Os traballos permitirán ampliar a plataforma ata acadar os 7 metros de ancho. Isto significa que a vía disporá de 2 carrís cun ancho de 3 metros e beiravías de 0,5 metros en cada marxe, ademais de cuneta transitable de 1,50 metros. Agora mesmo a estrada nese treito ten estreitamentos que dificultan o cruce de vehículos, cun ancho máximo de 5,60 metros, un problema que quedará solucionado con esta intervención.

Tamén se mellorará o trazado en distintas curvas ao longo do tramo no que se vai a actuar. Actualmente a estrada é sinuosa, con curvas de radio reducido e incluso con curvas consecutivas ao longo de 1 quilómetro. A este respecto, e co obxectivo de facilitar a circulación e diminuír o risco de sinistralidade, procederase á rectificación daquelas de menor radio.

A intervención tamén incluirá a renovación do firme da estrada e a capa de rodaxe, así como a adaptación da drenaxe transversal da plataforma con tres puntos principais de evacuación.

Ademais, procederase ao revestimento de cunetas e á renovación do tendido, sinalización vertical e horizontal, balizamento e defensas. 

Con esta nova intervención a Xunta continúa traballando e investindo para ofrecer aos veciños da Lama maior seguridade e comodidade nos seus desprazamentos, culminado con esta nova actuación na estrada autonómica PO-235 o acondicionamento integral da vía ao longo dos seus 25 quilómetros, grazas a un investimento da Xunta de 7,6 M€.

 

Data de actualización: 20/12/2023