O presidente do Goberno galego respondeu as preguntas dos grupos parlamentarios no Pleno do Parlamento de Galicia

Rueda anuncia que a Xunta prorrogará a bonificación do 50 % no transporte público autonómico con independencia de que o Goberno central manteña o desconto estatal

“A xente non pode seguir esperando”, argumenta o mandatario galego sobre a necesidade desta medida coa que se suplen as “lagoas” do Executivo estatal
 

A Xunta ten bonificado preto de 23 millóns de viaxes, beneficiando a máis do 77 % dos viaxeiros nos autobuses autonómicos, no transporte da ría de Vigo e no tren na área de Ferrol
 

O mandatario galego tamén adianta que mañá será aprobado no Consello da Xunta o Proxecto de lei de recursos naturais de Galicia
 

Santiago de Compostela,  20 de decembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Executivo autonómico vai prorrogar en 2024 o desconto do 50 % das bonificacións dos autobuses autonómicos, “con independencia” de que o Goberno central manteña o desconto estatal no vindeiro ano. 

“Con independencia de que o Goberno central axude ou non axude, a xente non pode seguir esperando”, argumentou o mandatario galego sobre a necesidade desta medida que anunciou no Pleno do Parlamento galego e que defendeu por inscribirse dentro das actuacións do Executivo autonómico que “lle resolven a vida á xente”.
 
Rueda recriminoulle ao Executivo central que, a piques de rematar o ano, os galegos e galegas descoñezan se van pode seguir desfrutando das bonificacións do transporte por estrada, interurbano y metropolitano. En todo caso, salientou que grazas á “estabilidade e a eficacia” de ter uns Orzamentos autonómicos aprobados en tempo e forma para a súa entrada en vigor o 1 de xaneiro de 2024, a Xunta pode “suplir as lagoas” do Goberno estatal e prorrogar este desconto do 50 % que vén aplicando desde o 1 de setembro de 2022.
Estes descontos teñen beneficiado 23 millóns de viaxes, estimándose que este número roldará os 27 millóns o final de ano, beneficiando a máis do 77 % dos viaxeiros do transporte público de Galicia. A bonificación aplícase tamén ao transporte da ría de Vigo, que comunica a cidade olívica cos concellos de Cangas e de Moaña; así como no ferrocarril na área de Ferrol, ao formar parte do Plan de transporte metropolitano. O desconto abrangue, ademais, os servizo urbanos de Ferrol e de Pontevedra, cidades onde o transporte público se realiza a través de concesións autonómicas. 

Proxecto de lei de recursos naturais de Galicia

“Imos seguir traballando con orde e sentidiño para seguir sendo esta illa de estabilidade”, adiantou Rueda sobre as intencións do Goberno galego, tras a aprobación dos Orzamentos de 2024. Precisamente, puxo en valor que mañá mesmo o Consello da Xunta vai aprobar o Proxecto de lei de recursos naturais de Galicia.  

O presidente da Xunta defendeu esta normativa para que os galegos e galegas se poidan beneficiar no seu propio territorio dos beneficios da produción das enerxías renovables, xa que o que procura a normativa é aproveitar a abundancia dos recursos naturais de Galicia para reter na Comunidade o beneficio ambiental económico e social dos proxectos que impliquen a produción de enerxía renovable e as concesións de augas e minaría.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/12/2023