A colaboración da Xunta co Clúster de Enerxías Renovables de Galicia permitiu en dous anos a formación de 1.820 persoas a través de 31 cursos

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, participou hoxe na Coruña na segunda edición do Foro de Formación e Emprego no sector enerxético – Enerforum 2023

Lado amosou o compromiso da Xunta para consolidar a cooperación cos clústeres en materia de formación con 4,6 millóns de euros presupostados para 2024

Destacou os máis de 117 M€ do novo Plan galego de formación para o emprego 2024, a creación dun centro de formación especializado na Cidade das TIC da Coruña e o impulso da Rede de centros asociados de formación para o emprego

A Coruña, 19 de decembro de 2023

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, participou hoxe no II Foro de Formación e Emprego no sector enerxético -Enerforum 2023- organizado polo Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal), no que se presentaron as ofertas de emprego por parte de empresas que forman parte da entidade e se entregaron os diplomas dos cursos de formación que financia a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

A colaboración da Xunta con Cluergal permitiu nos dous últimos anos (2022-2023) formar a 1.820 alumnos a través de 31 cursos e un investimento de preto de 915.000 euros. Para 2024, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade investirá preto de 640.000 euros a Cluergal para seguir favorecendo a formación das galegas e dos galegos, un apoio co que se prevé a cualificación de 1.160 persoas a través de 21 cursos.

Lado amosou o compromiso do Goberno galego de consolidar a colaboración cos clústers, destinando o ano que vén 4,6 millóns de euros a convenios con estas entidades para a impartición de formación de carácter non formal, atendendo ás necesidades laborais de todos os axentes. O obxectivo desta iniciativa é dar resposta ás vacantes laborais que están a existir en diferentes sectores da economía.

Nesa liña, o Goberno galego seguirá a apostar por formacións de curta duración e flexibles dirixidas a persoas ocupadas e desempregadas, na liña do sistema de microcredenciais polo que avoga Europa porque permite unha actualización dos coñecementos, capacidades e competencias dun xeito áxil, contribuíndo á mellora das oportunidades laborais.

A directora xeral de Formación para o Emprego puxo de relevo que os orzamentos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para 2024 destinan á área de Formación para o Emprego e Orientación máis de 232 millóns de euros, dos que máis de 117 millóns se destinarán ao novo Plan galego de formación para o emprego, un 12,9 % máis ca este ano. Con este importe, entre outras, levaranse a cabo dúas iniciativas novidosas: a creación dun centro de formación especializado na Cidade das TIC da Coruña e o impulso da Rede de centros asociados de formación para o emprego.

Dentro do presuposto para formación, tamén se continuará a darlle pulo a iniciativas como o Programa Retorna Cualifica Emprego, polo que xa están traballando en Galicia -xa sexa residentes no exterior retornados, ou os seus descendentes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/12/2023