Rivo pon en valor o labor da enxeñeira industrial Concepción Paz Penín, distinguida co 17º premio María Josefa Wonenburger para mulleres científicas

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, presidiu hoxe o acto de entrega do recoñecemento, outorgado pola Unidade Muller e Ciencia da Xunta

Destacou que esta catedrática e doutora da Universidade de Vigo é directora do Centro de Tecnoloxía, Enerxía e Procesos Industriais da UVigo, que situou á vangarda da investigación en eidos como as enerxías renovables ou a intelixencia artificial

Rivo destacou o labor feito no marco do III Programa de Muller e Ciencia -que persegue un sistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación que garanta a igualdade de oportunidades- ou do VIII Plan estratéxico de igualdade entre mulleres e homes

Vigo, 18  de decembro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, acompañados da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participaron esta tarde no acto de entrega do premio María Josefa Wonenburger Planells 2023 a Concepción Paz Penín, enxeñeira industrial na rama de mecánica de fluídos que é catedrática e doutora pola Universidade de Vigo e directora do Centro de Tecnoloxía, Enerxía e Procesos Industriais desta mesma universidade (Cintexc). A Unidade Muller e Ciencia da Xunta -quen concede o recoñecemento- tivo en conta a súa especialización ou o seu elevado índice de impacto como investigadora, entre outras cuestións.

A conselleira destacou a traxectoria da galardoada e que -como directora do Cintexc desde 2020- estea traballando para posicionar este centro na vangarda da investigación e desenvolvemento en sectores claves para Galicia como o son as enerxías renovables, a eficiencia enerxética ou a intelixencia artificial.

Recoñecida xa en 2017 pola Xunta co Premio de transferencia de tecnoloxía, Paz Penín ten dirixido sete teses de doutoramento e numerosas publicacións en revistas académicas de alto nivel. Así, conseguiu desde 2005 máis de 5,5 millóns de euros de ingresos en proxectos nacionais, autonómicos e colaboracións con empresas; e máis de 8 millóns captados en proxectos como investigadora participante.

Elena Rivo lembrou que o premio María Josefa Wonenburger -na honra da investigadora e matemática galega que foi pioneira e referente feminino internacional no ámbito das ciencias- foi creado polo Goberno autonómico para distinguir as mulleres galegas con traxectorias notables nos eidos das ciencias e da tecnoloxía. Con este recoñecemento, a Xunta quere poñer en valor a carreira destas referentes, que destacan pola súa contribución e convertelas en modelo a seguir polas xeracións vindeiras.

Nesa liña, segundo a conselleira, sitúase o III Programa de Muller e Ciencia, que conta co maior orzamento da súa historia -44,7 M€- co obxectivo de lograr un sistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación que incorpore de xeito efectivo o principio de igualdade de oportunidades, diminuíndo a fenda de xénero e situando ás investigadoras á fronte dos equipos. Tamén o VIII Plan estratéxico de igualdade entre mulleres e homes, presente en toda a actividade que desenvolve a Administración autonómica, de cara a unha igualdade real e efectiva. 

A titular de Promoción do Emprego e Igualdade tamén se referiu ao novo plan que en 2024 impulsará a presenza de mulleres en sectores onde tradicionalmente predominan os homes, cun investimento de 2,25 M€ coa previsión de que se poidan contratar e formar unhas 300 mulleres en toda Galicia.

Para reducir a fenda de xénero nos postos directivos das empresas, aludiu así mesmo ao programa formativo Lideramos, co prazo de inscrición aberto e que arrancará o próximo 27 de decembro. Ata 120 mulleres das catro provincias poderán participar en obradoiros e sesións formativas, así como en grupos de traballo para reforzar as redes colaborativas, atendendo ao fortalecemento de perfís ou ás competencias brandas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/12/2023