A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asistiu ao debate e aprobación en Pleno da Proposición de Lei de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 a Galicia para a súa remisión ao Congreso dos Deputados

A Xunta seguirá dando a batalla por unha AP-9 galega e pide ao Goberno que aclare que pasará o 1 de xaneiro coas peaxes

Vázquez Mourelle lembra que a AP-9 ten das peaxes máis elevadas do Estado, pese ás bonificacións, e a comezos deste ano 2023 as súas tarifas encarecéronse unha vez máis

Insta ao Goberno de España a clarificar se vai adoptar medidas como a Xunta, que conxela por segundo ano consecutivo as tarifas nas autoestradas autonómicas, ou se vai permitir un novo incremento nas peaxes

A Xunta leva máis de 14 anos defendendo a transferencia desta vía esencial para os desprazamentos diarios de milleiros de persoas, a competitividade e a seguridade viaria

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2023

A Xunta seguirá dando a batalla por unha AP-9 galega e pide ao Goberno de España que aclare que pasará o 1 de xaneiro coas peaxes.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asistiu hoxe ao debate e aprobación en Pleno da Proposición de Lei, para remitir ao Congreso dos Deputados, de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 a Galicia.

Vázquez Mourelle subliñou que a AP-9 ten as peaxes máis elevadas do Estado, pese ás bonificacións, e a comezos deste ano 2023 as súas tarifas encarecéronse unha vez máis.

Neste sentido, instou ao Goberno a clarificar se vai adoptar unha medida similar á da Xunta, que conxela por segundo ano consecutivo as tarifas nas autoestradas autonómicas; ou se vai permitir un novo incremento derivado da suba do IPC e da suba extraordinaria do 1 % polas obras.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade lembrou que a Xunta leva máis de 14 anos defendendo a transferencia desta autoestrada esencial para os desprazamentos de milleiros de persoas, para a competitividade da economía e para a seguridade viaria, pois é a arteria de comunicación que vertebra o territorio no que residen o 60 % dos galegos.

O Executivo autonómico reclama que esa transferencia se materialice en condicións xustas para Galicia e veña acompañada dos recursos necesarios para a súa adecuada xestión, tanto os fondos necesarios para a execución das obras pendentes, como para o mantemento das bonificacións vixentes.

A conselleira subliñou que a Xunta está preparada para asumir a titularidade da AP-9, xa que coñece en profundidade o funcionamento da autoestrada, as súas eivas, as súas necesidades e a súa evolución. 

Destacou que o Executivo autonómico ten experiencia de xestión e un profundo coñecemento das necesidades de mobilidade dos galegos, polo que está disposto a asumir a transferencia da AP-9 e mellorar o servizo que lle dá esta autoestrada aos cidadáns.

A Xunta, incidiu Vázquez Mourelle, traballa e seguirá traballando na defensa dos intereses dos galegos e continuará dando a batalla para lograr unha AP-9 galega, pese á negativa taxativa do Goberno de España á súa transferencia.

Neste sentido, afeoulle ao BNG o dobre raseiro, tras renunciar, no acordo de investidura asinado co PSOE, á transferencia da autoestrada a Galicia.

Tamén censurou que o PSOE tentase baleirar de contido e desvirtuar a transferencia cando a anterior proposición de lei chegou ao Congreso, á espera de ver que argumentos empregará agora para impedir o seu traspaso a Galicia, toda vez que o Executivo central xa deixou clara a súa negativa a ceder a Galicia a xestión desta autoestrada estatal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/12/2023