O conselleiro do Medio Rural interveu no debate parlamentario de aprobación desta norma

A Xunta destaca que a Lei da calidade alimentaria reforza a súa aposta pola excelencia, a sustentabilidade e a promoción das producións primarias de Galicia

José González remarcou que este texto legal “pecha o ciclo do marco de ordenación e normativo para o rural galego que permite avanzar nas liñas estratéxicas da recuperación, a prevención e a calidade”

Destacou o enfoque da norma cara o fomento da profesionalización e a participación do sector, así como cara a promover o consumo e compra pública de producións de proximidade

Valorou as achegas introducidas no texto legal polos diferentes grupos parlamentarios durante a súa tramitación, así como as aportacións do propio sector

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, destacou hoxe que a Lei da calidade alimentaria de Galicia reafirma a aposta da Xunta pola sustentabilidade e a trazabilidade das producións primarias da nosa comunidade, así como pola promoción desa excelencia e pola profesionalización e o fomento da participación do sector.

O conselleiro, que interveu no debate parlamentario de aprobación da norma, remarcou que este texto legal “pecha o ciclo do marco de ordenación e normativo para o rural galego que permite avanzar nas liñas estratéxicas da recuperación, a prevención e a calidade”. Neste contexto, cómpre lembrar a Lei de recuperación da terra agraria, coa que xa se mobilizaron arredor de 10.000 hectáreas e moitas delas destinadas á produción de calidade, a futura Lei de loita integral contra os incendios forestais, que se está elaborando en estreito contacto cos profesionais deste eido, a revisión do Plan Forestal de Galicia ou ás estratexias sectoriais postas en marcha pola Xunta para o lácteo, o vitivinícola e o cárnico.

A importancia da promoción

Ademais, José González referiuse á importancia de facer promoción de toda esta riqueza e neste sentido lembrou as recentes campañas “postas en marcha de acordo co sector” para impulsar o consumo de Ternera Gallega Suprema, da produción amparada pola Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia e dos queixos galegos con denominación de orixe.

O conselleiro resaltou tamén outros contidos da lei, como os que se orientan a promover o “consumo e compra pública de producións de proximidade” ou a participación do sector, coa creación do Consello Alimentario de Galicia e a Mesa da Calidade Alimentaria Diferenciada de Galicia. Nesta liña, José González quixo valorar as achegas introducidas nesta norma polos diferentes grupos parlamentarios durante a súa tramitación, así como as aportacións do propio sector.

A Lei debatida hoxe no Parlamento establece o marco normativo que permite asegurar a calidade dos produtos alimentarios de Galicia e a súa conformidade coa normativa de aplicación, en defensa da lealdade das transaccións comerciais e dos dereitos e intereses lexítimos dos produtores primarios, operadores económicos e profesionais do sector, así como das persoas consumidoras finais. Ademais, permitirá fomentar, potenciar e garantir a produción de alimentos de calidade diferenciada en Galicia e regular o funcionamento dos consellos reguladores como entidades de xestión de figuras de protección da calidade diferenciada.

Certificación de sustentabilidade alimentaria

O texto converterá a Galicia na primeira comunidade autónoma que regula unha certificación de sustentabilidade para a produción alimentaria, de forma que se establece un sistema baseado nun conxunto de normas encamiñadas a garantir o respecto ao medio ambiente, a calidade e a seguridade alimentaria, a protección das persoas traballadoras e a cidadanía, e unha renda adecuada para os diferentes elos da cadea de valor, especialmente no caso dos operadores primarios.

Tendo en conta estas premisas, a norma recolle a regulación do fomento e do desenvolvemento da produción amparada polos distintivos de calidade diferenciada -como as denominacións de orixe ou as indicacións xeográficas protexidas-, que recoñecen uns altos estándares de calidade e permítenlles ás persoas consumidoras recoñecer no mercado estes produtos con maior valor engadido.

O texto legal tamén persegue establecer as obrigas dos operadores do sector en relación coa súa actividade como produtores, elaboradores e comercializadores de produtos alimentarios, así como regular a actuación de inspección e control da Administración autonómica e establecer o réxime sancionador ante incumprimentos da lexislación. Tamén, mellorar a eficacia do sistema de control oficial e perseguir as prácticas fraudulentas. No referente aos consellos reguladores, avógase por unha adaptación ao novo marco legal destas entidades, afondando na súa profesionalización, especialmente no caso dos de menor tamaño, na procura da súa consolidación como eixos fundamentais da calidade diferenciada galega. Así mesmo, poténciase a Axencia Galega da Calidade Alimentaria como eixo fundamental de toda a calidade alimentaria de Galicia, asumindo importantes funcións neste sentido.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/12/2023