A futura estratexia de turismo de Galicia 2024-2030 avanza no seu deseño con máis de 1.000 participantes na fase de diagnose

O director de Turismo de Galicia reúnese co presidente do Clúster Turismo de Galicia no último encontro do proceso participativo desta folla de ruta da Xunta

Merelles salienta que “Galicia cumpriu obxectivos neste 2023 cunha recuperación de viaxeiros e internacionalización do destino superior ao agardado”

Recorda que agora se analizarán estes resultados para deseñar a nova planificación que terá entre os seus focos o reforzo da sustentabilidade e a dixitalización

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2023

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, reuniuse co presidente do Cluster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, para acudir á que era a última reunión do proceso de diagnose no que participaron durante os últimos meses máis de 1.000 profesionais do turismo.

Xosé Merelles salientou o alto nivel de participación para elaborar esta futura folla de ruta que dará continuidade “ao excelente traballo levado a cabo nos últimos anos nos que neste 2023 o turismo galego superou as expectativas iniciais con creces”. Neste sentido, recordou que a Estratexia Galicia Destino Seguro posta en marcha no marco da pandemia e que remata este ano “foi unha moi eficaz ferramenta que nos permitiu unha recuperación progresiva e un fortalecemento do sector”.

Referiuse aos máis de 400 millóns de euros que se mobilizaron en Galicia destino seguro, coa que o Goberno autonómico fixo un esforzo especial sobre todo nos primeiros anos para salvar ás empresas e inxectar liquidez e se continuou nestes últimos anos reforzando as medidas de sustentabilidade e dixitalización.

“Foi un plan co que cumprimos o que esperábamos de xeito moi ampo. Estaba prevista a recuperación progresiva de viaxeiros cunha chegada estimada de 5,2 millóns este 2023 e a falta de contabilizar dous meses a cifra xa supera os 6 millóns”, explicou ao tempo que se referiu a que se trata de datos que están a incidir de maneira directa tamén no avance cualitativo do turismo en Galicia. “Tamén se cumpriron os obxectivos de internacionalización, cando agora supoñen máis do 30% da nosa demanda, unhas cifras nunca antes acadadas”, dixo.

Aval das universidades

Coa intención de reforzar esta boa evolución, a Xunta e o Clúster están avanzando na futura estratexia 24-30 “que nace da participación moi ampla do sector”. Neste sentido, recordaron que a información recabada nas 20 mesas de traballo celebradas nestes meses na que participaron máis de 400 persoas súmase á recollida nas preto de 600 enquisas online. Neste tempo recoullese información sobre a diversidade de perspectivas e desafíos que enfronta o turismo nas diferentes zonas da comunidade.

Agora, en colaboración coas tres universidades galegas en coordinación coa Área de Estudos e Investigación de Turismo de Galicia, elaborarase unha análise científica sobre a oferta, a demanda e a cadea de valor do sector turístico en Galicia, analizando polo miúdo os recursos que constitúen parte da súa oferta diferencial.

Data de actualización: 19/12/2023