A Xunta financia con 561.000 euros un novo obradoiro que comeza hoxe en Baralla, Becerreá e As Nogais

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, clausurou o anterior taller e participou na presentación do actual, que formará a 20 persoas desempregadas en labores de albanelería

O investimento da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para poñer en marcha ambas iniciativas ascende a máis de 1M€ en dous anos

Baralla (Lugo), 19 de decembro de 2023

O obradoiro de emprego Via Künig, impulsado polos concellos de Baralla, As Nogais e Becerreá, acaba de poñer en marcha a quinta edición, financiada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con 561.000 euros.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, participou hoxe na presentación desta actividade, que formará a 20 persoas desempregadas durante un ano na especialidade de fábricas de albanelería. Trátase dun taller dual cuxo financiamento inclúe incentivos para contratar a todo o alumnado en empresas da contorna unha vez que finalice.

Os participantes desenvolverán diversas obras nos tres municipios. En Baralla destaca a execución dunha senda peonil paralela á N-VI e unha beirarrúa na rúa Neira; ademais da rehabilitación de lavadoiros en Vilanova e Arroxo, entre outras actuacións.

Pola súa banda, nas Nogais está prevista a recuperación das fontes de Casares, Estacas e Ferreiras; a realización duns traballos de drenaxe no adro da igrexa das Nogais; o acondicionamento de camiños en Vilaicente e Doncos; e a reposición do muro de peche da igrexa de Torés.

Por último, en Becerreá prevén facer unha beirarrúa na rúa do Mercado; rehabilitar unha escola en Vilouta; mellorar camiños en Ouselle, Cruzul e na conexión entre a rúa Quiroga e a N-VI; e recuperar unha fonte en Pando.

Arias tamén participou hoxe na entrega de diplomas aos alumnos-traballadores da anterior edición deste obradoiro, integrada polos mesmos concellos e financiada pola Xunta con 510.000 euros. “O investimento da Administración autonómica en dous anos ascende a máis dun millón de euros para facilitar que 40 persoas destes tres municipios incrementen as súas posibilidades de atopar un emprego mellorando a súa capacitación profesional”, dixo o delegado.

Lembrou que o taller que se clausura centrouse na especialidade de Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción erealizou diversas obras, como dúas senda peonís paralelas á N-VI na Ferrería (As Nogais) e entre Becerreá e O Cereixal; así como a ampliación do centro sociocultural de Baralla para acoller un punto de atención aos peregrinos.                                                                                        

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/12/2023