Arranca o obradoiro de hostalaría de Vilanova grazas a un investimento da Xunta de medio millón de euros

En total participarán 20 desempregados que se dividen nas especialidades de Cociña e Servizos de bar e cafetería

Reguera lembrou os bos datos de inserción laboral das edicións anteriores
 

Vilanova de Arousa, 19 de decembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou esta mañá na inauguración do obradoiro dual de emprego Hostalería Mar de Santiago III, financiado pola Xunta en Vilanova de Arousa.

Neste obradoiro, que terá unha duración aproximada dun ano e que conta cun investimento da Xunta de máis de 530.000 euros, participarán 20 persoas desempregadas. O alumnado divídese entre as especialidades de Cociña e Servizos de bar e cafetería. Ambas contarán con prácticas remuneradas durante toda a duración do programa.

Estas prácticas permitiranlles aprender a elaborar cartas e menús tendo en conta os valores nutricionais dos alimentos, as técnicas de preparación dos distintos pratos e os custos dos materiais utilizados. Desta forma buscase que o alumnado, non so adquira as habilidades técnicas necesarias para desenvolver o traballo en cociña, senón que tamén conte con coñecementos básicos de xestión dun restaurante.

Pola súa banda, o alumnado da especialidade de Servizos de bar e cafetería aprenderá os principios dun bo servizo en mesa, poñendo especial atención en algúns dos produtos máis importantes da gastronomía vilanovense como son os seus viños. Para elo, contarán coa supervisión e formación de profesionais do sector.

O delegado territorial aproveitou a súa intervención para destacar os bos resultados obtidos nas últimas edicións dos obradoiros de emprego que “lograron que boa parte do alumnado do ano pasado conseguise un emprego, en ocasión antes incluso de finalizar o obradoiro”.

Ademais, quixo lembrar o compromiso da Xunta cos desempregados galegos e o gran esforzo económico que supón esta iniciativa: “Neste ano terán lugar 14 obradoiros de emprego na área territorial de Pontevedra. En total son 7,5 millóns de euros investidos en mellorar a empregabilidade dos participantes”. 

Reguera rematou a súa intervención felicitando ao concello de Vilanova de Arousa pola súa boa disposición e por organizar sempre obradoiros especializados en sectores que teñen unha alta demanda no concello, algo que “non so reverte a favor dos empresarios locais, senón que tamén facilita que o día de mañá todos estes alumnos poidan desenvolver unha carreira profesional preto da casa”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/12/2023