A Xunta recibe 9 ofertas para a mellora do firme na vía de altas prestacións entre Monforte e o Alto do Faro e na LU-533 ao paso polo concellos de Chantada e O Saviñao

A actuación, licitada por máis de 2 M€ acometerase nun treito de 13,5 km da vía CG-2.1 e en algo máis de 4,4 km da LU-533, desde o núcleo urbano de Chantada ata Escairón

A Xunta traballa co obxectivo de adxudicar as obras a finais do primeiro trimestre de ano para a súa execución entre a primavera e o verán

As intervencións consistirán na rehabilitación mediante o fresado e a reposición do firme, ademais do repintado das marcas viarias

As obras completan a mellora do firme levada a cabo no eixe Monforte-Chantada-Lalín na provincia de Lugo, cun investimento autonómico de máis de 1,9 M€

A Xunta segue traballando para manter as vías de titularidade autonómica nas mellores condicións e garantir a seguridade viaria, destinando o vindeiro ano 53 M€ á súa conservación

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu nove ofertas de empresas para executar as obras de acondicionamento do firme na vía de altas prestacións entre Monforte de Lemos e o Alto do Faro (CG-2.1) e na LU-533, ao paso polo concellos de Chantada e O Saviñao.

Esta intervención, licitada por un investimento autonómico de máis de 2 M€, prevese adxudicala no primeiro trimestre do ano para a súa execución entre a primavera e o verán. Os traballos contan cun prazo de execución de 6 meses.

As actuacións, que disporán dun prazo de execución de 6 meses, levaranse a cabo no tramo de 13,5 quilómetros da estrada CG-2.1, que discorre polo concello de Chantada. Neste caso, actuarase no treito comprendido entre o quilómetro 29+450, intersección coa estrada N-540, ao norte do núcleo urbano de Chantada, ao 42+950, no límite provincia Lugo.

Este contrato inclúe tamén a intervención nun treito de algo máis de 4,4 quilómetros da estrada LU-533, no seu percorrido polos concellos de Chantada e O Saviñao. O tramo de actuación comeza no núcleo urbano de Chantada, á altura do quilómetro 1+760 e ata o 6+175, en Escairón.

Nestes tramos das estradas CG-2.1 e LU-533 existen zonas con fisuración provocadas polo desgaste do tráfico, e outras zonas máis deterioradas, cunha perda progresiva do material da calzada. As solucións, segundo o grado de deterioro, inclúen a rehabilitación do firme mediante o fresado localizado e a reposición de 5 centímetros de espesor a carril completo, e a aplicación cun espesor de 3 centímetros no ancho da plataforma e en toda a lonxitude das estradas. Estas actuacións completaranse mediante o pintado da sinalización horizontal.

Estas intervencións completan a mellora do firme xa levada a cabo no eixe Monforte-Chantada-Lalín na provincia de Lugo, co obxectivo de reforzar a seguridade viaria. A última delas realizouse no ano 2021 nas estradas CG-2.1, no treito Monforte de Lemos-Escairón, e na LU-533, cun investimento de máis de 1,9 M€.

O Goberno galego continúa a traballar para manter as vías de titularidade da Xunta nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria aos usuarios, destinando o vindeiro ano 53 M€ á súa conservación.

Data de actualización: 19/12/2023