O Sergas amplía ata 271 o número de prazas ofertadas na categoría de médico de familia de atención primaria

O Diario Oficial de Galicia publica este martes a resolución pola que se inclúen as prazas correspondentes á oferta pública de emprego de 2023
 

Reábrese o prazo dun mes para que as persoas aspirantes podan presentar novas solicitudes de participación
 

O proceso desenvólvese polo sistema de concurso-oposición e celebrará os exames no primeiro semestre de 2024
 

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2023

O Diario Oficial de Galicia, na súa edición de hoxe, publica a resolución do 11 de decembro de 2023, da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas pola que se modifica a última convocatoria de concurso-oposición para o ingreso na categoría de médico/a de familia de atención primaria, e se amplía o número de prazas ata as 271.

Deste xeito, ás 150 prazas xa convocadas pola resolución do 14 de decembro de 2022 na categoría de médico de familia de atención primaria, súmanse 121 prazas máis derivadas da Oferta pública de emprego (OPE) do ano 2023, aprobadas polo Consello da Xunta. Esta medida de acumulación de prazas conta co apoio maioritario das organizacións sindicais da Mesa Sectorial.

Polo tanto, coa tramitación desta convocatoria, poderanse incorporar ao Servizo Galego de Saúde 271 profesionais de medicina familiar e comunitaria, facilitando a participación dos MIR que remataron a residencia neste ano, e afianzando a aposta da Consellería de Sanidade pola dotación estable de recursos humanos na atención primaria, concretamente na categoría de médico/a de familia.

As prazas distribúense en 126 para acceso libre, 132 para a promoción interna e 13 para a quenda de discapacidade. Con esta convocatoria a taxa de temporalidade será inferior ao 8%.

Reapertura do prazo de inscrición

A resolución publicada no DOG reabre o prazo de inscrición para novos aspirantes, que contarán co prazo dun mes para presentar a súa solicitude de participación neste proceso.  

A celebración das probas de exame deste proceso está previstas para o vindeiro semestre. 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/12/2023