Rivo destaca a aposta da Xunta pola creación de emprego e o crecemento sustentable das Pemes

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou hoxe na clausura da asemblea xeral 2023 da Confederación Empresarial de Pontevedra (CEP)

Sinalou que o emprendemento é o motor económico de Galicia e, por iso, a Xunta destinará ao seu impulso en 2024 un orzamento de 30,6 millóns de euros, un 51,6% máis que en 2023

Salientou que a formación para o emprego é unha prioridade para o Goberno galego, para axustar oferta e demanda laboral, e puxo en valor o modelo das microcredenciais

Vigo, 15 de decembro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, clausurou hoxe a asemblea xeral 2023 da Confederación Empresarial de Pontevedra (CEP) en Vigo, na que destacou a aposta do Goberno autonómico pola creación de novo emprego, a consolidación do existente e polo crecemento sustentable das pequenas e medianas empresas (Pemes) e das actividades vinculadas coa economía social.

Rivo centrou a súa intervención no emprendemento sinalando que é o motor da economía galega e o que permitirá, entre outros eidos, que Galicia enfronte o futuro sociolaboral máis preparada. Deste xeito, indicou que os orzamentos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para 2024 inclúen 30,6 millóns de euros para darlle un pulo ao emprendemento, un 51,6% máis que en 2023. Entre as actuacións novas incluirase unha nova liña de axudas para fomentar a remuda xeracional a través dunha bolsa de substitución de negocios. No ámbito do emprego autónomo, porase en marcha a cota cero para todas as novas altas rexistradas neste réxime entre o 30 de setembro de 2023 ata o 30 de setembro de 2024 e durante doce meses.

Así mesmo, consolidarase a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego con 12 polos en activo nos que se asesoraron en ano e medio máis de 900 persoas emprendedoras. A Rede ampliarase ata os 15 centros nas vindeiras semanas.

Rivo, ademais, puxo en valor a formación para o emprego coa que se busca, segundo apuntou, dar resposta ás vacantes laborais. Para apoiar unha cualificación axustada ás demandas das empresas, o Plan galego de formación para o emprego 2024 contará con 117 millóns de euros, un 12,9% máis que este ano. Con este investimento impulsarase a formación de curta duración e flexible dirixida a persoas ocupadas e desempregadas. Así, implantarase o modelo das microcredenciais, un sistema que ofrece unha solución en sectores en continuo cambio, reduce a fenda entre o mundo académico e a forza laboral e é inclusivo ao axudar a diminuír a fenda de habilidades.

A propia Unión Europea aconsella o uso das microcredenciais como instrumento innovador para apoiar aos traballadores no desempeño do seu traballo ou durante transicións profesionais.

Rivo, para rematar, apuntou a importancia de promover a xeración de emprego de calidade en empresas responsables porque, segundo subliñou, é o futuro para atraer e reter talento. “Queremos por este camiño seguir sumando ao noso tecido empresarial traballadores por conta propia e por conta allea porque o emprego abre as portas ao benestar”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/12/2023