Comesaña pide á ministra de Sanidade que permita a Galicia formar máis médicos de familia

No marco do Pleno de Recursos Humanos do Consello Interterritorial de Saúde, o conselleiro reiterou á ministra que é preciso flexibilizar os criterios de acreditación das unidades docentes para poder formar máis médicos especialistas, ao tempo que subliñou que é “urxente” revisar o contido do Programa Oficial da Especialidade (POE) de Medicina Familiar e Comunitaria

Segundo explicou, a rixidez actual dos criterios de acreditación provoca que dos máis de 460 centros de saúde cos que conta Galicia, soamente 100 teñen a posibilidade de forma novos especialistas. Comesaña volveu solicitar un CISNS específico para abordar o déficit de médicos/as de familia e pediatras

O conselleiro de Sanidade solicitou acurtar o máximo posible os prazos da creación da especialidade de Urxencias e Emerxencias para que entren en vigor xa en 2024, e evitar así que os facultativos que queren traballar en urxencias (entre o 25 e o 30%) teñan que facer esta especialidade, ocupando prazas que serían cubertas por futuros médicos de familia
 

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participou esta mañá na xuntanza do Pleno de Recursos Humanos do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde. Un encontro no que instou á ministra de Sanidade, Mónica García, a revisar de forma “urxente” o contido do Programa Oficial da Especialidade (POE) referido á especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria, destacando a necesidade de flexibilizar os criterios de acreditación das unidades docentes.

Segundo explicou o conselleiro, a rixidez actual dos criterios de acreditación das unidades formativas provoca que dos máis de 460 centros de saúde cos que conta Galicia, soamente 100 teñan a posibilidade de forma novos especialistas. A revisión dos criterios foi cualificada como “fundamental” polo responsable da Sanidade galega para atender ás necesidades asistenciais que teñen todas as comunidades autónomas, tal e como quedou de manifesto en reiteradas ocasións.

Así, lamentou que desde 2018, os responsables sanitarios autonómicos estean agardando polo cumprimento e a posta en marcha dos acordos acadados de xeito unánime co Ministerio de Sanidade.

Entre o conxunto de solicitudes da Xunta de Galicia ao Goberno central tamén se atopa a de acelerar, na medida do posible, os prazos para a entrada en vigor da nova especialidade de Urxencias e Emerxencias. “Se na vindeira convocatoria MIR 2024, os residentes xa tiveran aberta a opción de escoller a especialidade de Urxencias e Emerxencias “evitaríase que entre o 25 e o 30% dos facultativos que se especializan en Medicina Familiar e Comunitaria rematen en urxencias, posto que era xa a súa decisión ao inicio de formación MIR”. Deste xeito, “contribuiríase a frear” o salto de profesionais sanitarios dunha especialidade a outra.

Neste senso, apuntou que o Ministerio de Sanidade debe facer todo o que estea na súa man para que a formación de profesionais de Urxencias poida comenzar xa en maio de 2024: “debemos facer un esforzo por incorporar a especialidade de Urxencias e Emerxencias xa o vindeiro ano -2024-, remarcou o conselleiro, destacando que “sería un éxito de todos”.

Suprimir nota de corte e revisar o sistema de elección de prazas

Unha vez máis, o conselleiro explicou que unha boa medida sería “suprimir a nota de corte, alomenos durante un tempo”, co ánimo de que non queden prazas de facultativo sen cubrir, ao tempo que reiterou que debe revisarse o sistema de elección de prazas, para “que non haxa que preelixir e para evitar que quedan prazas sen cubrir”.

 
 
Data de actualización: 18/12/2023