O conselleiro do Mar participou no encontro do ministro con representantes das CC.AA.

Alfonso Villares reclama a Planas a rebaixa do IVE ao peixe e o apoio do Goberno central á declaración de zona catastrófica dos bancos marisqueiros

O conselleiro do Mar, apoia a súa solicitude da rebaixa impositiva aos alimentos mariños en informes elaborados polas universidades galegas, a CNMC, Fedepesca e do Eumofa no que se resaltan os beneficios económicos e socias desta medida

Outro dos asuntos da axenda é a implicación do ministerio na achega de axudas de apoio ao sector marisqueiro moi afectado pola mortaldade dos bivalvos ocasionada polas extraordinarias precipitacións dos últimos meses

Tamén estiveron sobre a mesa o recurso contra a Lei do Litoral, o fin das subvencións aos combustibles fósiles, a xestión das cotas internas, a aprobación do Perte para o sector ou a reformulación da política pesqueira común entre outros asuntos
 

Madrid, 18 de decembro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares,  participou na reunión celebrada hoxe entre o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, e os responsables das comunidades autónomas na que o representante do Goberno galego trasladou as principais preocupacións do sector e reclamou o apoio do Goberno central as demandas do sector como a rebaixa do IVE aos produtos pesqueiros do 10% ao 5% así como á solicitude de declaración de zona catastrófica aos bancos marisqueiros das rías galegas, moi afectados polas intensas precipitacións vividas nos últimos meses.

O conselleiro destacou que a redución do tipo impositivo a alimentos como o peixe é unha demanda do sector e suporía corrixir unha desvantaxe competitiva respecto a outros que si viron reducido o IVE como a pasta ou o aceite. Tamén sinalou que esta medida está avalada por informes das universidades galegas, da Comisión Nacional dos Mercados e Competencia (CNMC), Fedepesca e do Observatorio Europeo do Mercado dos Produtos da Pesca e da Acuicultura (Eumofa) que destacan os beneficios económicos e sociais desta medida e o seu impacto positivo no consumo destes alimentos.  Estímase que esta medida xeraría un Valor Engadido Bruto de más de 30 millóns de euros e máis de 5.500 empregos. Ademais, o titular de Mar tamén puxo de relevo a importancia da presencia dos produtos pesqueiros na cesta da compra polas súas propiedades nutritivas e o seu impacto positivo na saúde dos consumidores.

Por outra banda, o representante galego reclamou o apoio do ministro Planas á solicitude do Goberno galego para declarar zonas catastróficas os bancos pesqueiros afectados polas intensas chuvias dos últimos meses que provocou un importante descenso da salinidade causando uns elevados índices de mortaldade dos bivalvos. O obxectivo desta medida é permitir que o sector teña acceso a axudas extraordinarias que permitirían cubrir a reparación de tódolos danos nas producións mariñas e abriría a porta a axudas a empresas e traballadores con fórmulas como aprazamentos e exencións das cotas á Seguridade Social.

Alfonso Villares tamén abordou co ministro outros asuntos de interese para o sector como a Política Pesqueira Común (PPC) que cualificou de pouco ambiciosa e criticou o rexeitamento pola dirección xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea de revisala. Nesta liña, demandou unha actuación conxunta das administracións para abordar cuestións básicas como a potenciación da dimensión social da pesca ou a resolución dos problemas asociados á obriga de desembarque. Tamén trasladou a Planas o malestar do sector trala recente adhesión de España en la COP28 a unha declaración internacional sobre o fin das axudas aos combustibles fósiles e reclamou que se avogue por un proceso de descarbonización da frota progresivo, realista e asumible.    

Mellor xestión das cotas

O responsable autonómico volveu a lamentar os resultados das negociacións mantidas recentemente en Bruxelas respecto ás cotas pesqueiras concluíndo que o único que se fixo foi asumir o documento proposto pola propia Comisión e non se atendeu ás demandas do sector. Nesta sentido, insistiu na necesidade de avanzar na xestión interna das mesmas do xeito máis eficaz posible establecendo medidas para o seu óptimo aproveitamento económico.

Nesta liña tamén recordou co sector segue agardando a posta en marcha dun Perte específico para a industria da transformación dos produtos pesqueiros vital para evitar que decaian importantes investimentos e manter a competitividade deste sector chave para a economía que é expoñente de sustentabilidade, trazabilidade e seguridade alimentaria e que conta cunha gran capacidade exportadora. Outro exemplo máis dos compromisos incumpridos por parte do ministro nos últimos anos polo que pediu unha vez máis non só boas palabras senón feitos, que é o que realmente lle interesa a sector marítimo pesqueiro.

Lei do Litoral

O conselleiro volveu a demandar ao ministro Planas a retirada por parte do Goberno central do recurso contra a Lei de Ordenación e Xestión Integrada do Litoral de Galicia e canto está a xerar unha importante inseguridade xurídica nas actividades integradas nos portos autonómicos e nas zonas costeiras de toda a comunidade. O titular de Mar recordou que trátase dunha norma con amplo apoio do sector, elaborada con amplo consenso, avalada polo do Consello Consultivo de Galicia e aprobada sen enmiendas ni votos en contra. Un rigor xurídico que quedou probado polo feito de que se pretendía recorrer case a metade da norma para finalmente recorrer só o 15% do articulado da lei.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 18/12/2023