A Xunta recibe a representantes das traballadoras da limpeza en folga no marco do papel mediador que desenvolve no conflito

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, defenderon a implicación do Goberno galego para intentar achegar posturas

Lugo, 18 de decembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a directora xeral de Relacións Laborais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Mancha, mantiveron hoxe unha xuntanza cos representantes sindicais das traballadoras da limpeza de Lugo que están en folga desde hai dous meses.

Ambos mandatarios sinalaron que a Xunta está a facer o que está na súa man ante a falta de acordo entre a patronal e os sindicatos, facilitando a mediación a través do Consello Galego de Relacións Laborais, sempre con respecto ao principio de autonomía nas negociacións colectivas e o dereito á folga e de manifestación dos traballadores.

O propio delegado territorial recibiu ás traballadoras o pasado venres para coñecer de primeira man a súas reivindicacións e convocalas a esta nova reunión, co fin de trasladarlles as xestións que se están levando a cabo e recabar a opinión dos sindicatos con representación no sector: CIG, UXT e CC.OO.

Arias destacou que o Goberno galego ten unha implicación real neste conflito para intentar achegar posturas e equilibrar as demandas, e instou a todas as administracións a que amosen a mesma implicación, especialmente ás que teñen máis contratacións publicas con este sector, como o Concello de Lugo, do que depende a limpeza dos centros de primaria da cidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/12/2023