Xunta e Concello de Coirós completan reformas por máis de 20.000 euros no centro de saúde

O delegado da Xunta na Coruña visita as obras de reforma do centro de saúde de Coirós
 

As actuacións tiveron un orzamento de mais de 20.000 € e son froito dun convenio de colaboración entre a Xunta e o concello de Coirós ao tratarse dun edificio de titularidade municipal
 

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 119 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 83.000 metros cadrados

Coirós  (A Coruña), 18 de decembro de 2023

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Coirós, Francisco Quintela Requeijo e por Concepción Blanco Sánchez, directora médica Atención Primaria, supervisaron as obras de reforma do centro de saúde desa localidade.  

O orzamento das obras foi de 20.823 euros e foron froito dun convenio de colaboración entre a Xunta e o Goberno Local ao tratarse dun edificio de titularidade municipal. Pola súa parte, o Concello foi o encargado de levar a cabo as actuacións necesarias para a correcta execución das obras coa redacción do documento técnico necesario para a execución das obras, licitación e execución das mesmas.  

As obras que se visitan consistiron na rehabilitación da cuberta, reparación e limpeza de fachadas, pintura de teitos e parámetros verticais, renovación de alumeado exterior e pintura da varanda exterior. 

Colaboración cos concellos

A Xunta continúa colaborando cos concellos que manteñen centros de saúde de titularidade municipal. Así, desde o 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde de titularidade municipal.  

No orzamento para o 2023 a Xunta reforzou unha vez mais o seu apoio a estas entidades locais e incrementou ata os 2,6 millóns de euros a partida- un 8%-. En particular o concello de Coirós recibiu no 2023 a cantidade de 13.839 euros para financiar o mantemento da instalación sanitaria.  

Con isto, a Xunta de Galicia ten destinado desde 2017 mais de 15 millóns de euros a financiar os gastos de funcionamento de 156 centros de saúde de titularidade municipal.

Renovación de infraestruturas de atención primaria

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 119 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 83.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as 4 que están actualmente en marcha (Lalín, Porriño, Moaña e CIS Olimpia Valencia en Vigo). En total, a Administración autonómica investiu, nestes 14 anos, máis de 130 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria. 

Un terzo destas actuacións téñense levado a cabo en centros de saúde de titularidade municipal, nos que a Xunta de Galicia achega fondos para cofinanciar a obra. Así durante esta lexislatura, a Xunta achegou mais de 1,2 millóns de euros para 35 convenios de reforma de centros de saúde de titularidade municipal como este, asumindo os concellos a outra parte do gasto.  

En particular, na provincia de A Coruña, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como os de Oleiros, Espasante-Ortigueira, Vilarmaior, Agualada-Coristanco, A Coruña (Novo Mesoiro), Sigüeiro-Oroso, As Somozas, Cambre-O Temple, Buño-Malpica, Santiago (Galeras), Arteixo (Villarodis), Culleredo, A Capela, Ares, A Laracha, Milladoiro, Melide e Narón e reformáronse os de Cambre, Padrón, Ferrol-Serantes, Ortigueira, As Pontes, Ribeira (pequenas obras de reforma), Mugardos e Bertamiráns.  

Para continuar con este esforzo, no 2021 o Goberno galego aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que no caso da provincia de A Coruña, permitiu xa a sinatura de convenios para a construción de novos centros en Abegondo (co proxecto arquitectónico xa redactado), A Coruña (Santa Lucía) ou Noia (co proxecto xa encomendado a AXI), así como para a transformación do centro de saúde de Carballo en Centro Integral de Saúde (con protocolo asinado).  

A execución simultánea destes proxectos é posible grazas a que os Orzamentos da Xunta de Galicia para 2023 incrementaron os fondos para investimentos en atención primaria nun 65%, ata os 56 millóns de euros. É a maior cantidade de fondos no capítulo de investimentos dedicada á atención primaria dos últimos 20 anos, mesmo superior ao de 2021, que contaba co fondo extraordinario COVID. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/12/2023