A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou hoxe na xornada de presentación do proxecto Poctep Green Gap

Galicia e Portugal impulsan unha acción formativa para capacitar ao persoal público de cara ao desenvolvemento da infraestrutura verde

Ángeles Vázquez subliña que a infraestrutura verde é unha das principais ferramentas para garantir a preservación da biodiversidade e para reforzar a resiliencia dos territorios ante o cambio climático

Na iniciativa Green Gap, que conta cun orzamento de máis de 2,1 M€, participan un conxunto de entidades locais, administracións supramunicipais con competencias nesta materia e organismos universitarios da Eurorrexión
 

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2023

Galicia e Portugal impulsarán unha acción formativa para capacitar ao persoal público de cara ao desenvolvemento da infraestrutura verde no marco no proxecto Poctep Green Gap, en cuxa xornada de presentación participou esta mañá a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.

Durante a súa intervención, a vicepresidenta segunda explicou que o proxecto Green Gap Impulso das Infraestruturas Verdes Locais para a Restauración da Biodiversidade, a Renaturalización e Deseño dunha Paisaxe Resiliente ante o Cambio Climático das Zonas Urbanas e Rurais de Galicia-Norte de Portugal ten como finalidade contribuír a que as administracións locais xoguen un papel máis relevante na promoción das infraestruturas verdes na área transfronteiriza.

Nesa liña, avanzou que os socios que participan nesta iniciativa, liderados polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), ente dependente da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, ademais de poñer en marcha a Escola Galaico-Portuguesa de Infraestrutura Verde, elaborarán catro documentos de planificación estratéxica e desenvolverán sete proxectos sobre esta materia.

“O obxectivo é facilitar a capacitación dos traballadores públicos das administracións locais e provinciais no desenvolvemento dunha estratexia de infraestrutura verde”, aseverou Ángeles Vázquez, que lembrou que esta medida ten adquirido nos últimos anos un papel destacado na ordenación territorial, na política e na investigación.

A maiores, a vicepresidenta segunda subliñou que a infraestrutura verde é unha das principais ferramentas para garantir a preservación da biodiversidade e para reforzar a resiliencia dos territorios ante o cambio climático. E, ademais, repercutirá nunha maior calidade de vida para a veciñanza polos beneficios económicos, ecolóxicos e sociais que implica.

Así, logo de explicar que Galicia está a ultimar a súa Estratexia da infraestrutura verde e da conectividade de restauración ecolóxica, Ángeles Vázquez puxo en valor a suma de esforzos que supón esta colaboración transfronteiriza de cara a avanzar na consecución de obxectivos comúns.

De feito, nesta iniciativa, que conta cun orzamento de máis de 2,1 M€, financiado no marco do Programa Interreg España - Portugal (POCTEP 2021-2027), participan, ademais do IET, un conxunto de entidades locais, administracións supramunicipais con competencias nesta materia e organismos universitarios da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Máis polo miúdo, por parte de Galicia participan a Universidade da Coruña, Concello de Pontevedra, Deputación de Ourense e a Fundación CEER, mentres que do lado portugués, forman parte do proxecto a Cámara de Paredes de Coura, a Universidade do Minho, a Cámara de Guimarães, o Laboratorio da Paisagem de Guimarães así como a Agência Portuguesa do Ambiente e o Instituto da Conservação da Natureza das Florestas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/12/2023