A Xunta recibe 5 ofertas para a redacción dos pregos dos contratos de conservación ordinaria e vialidade invernal nos 5500 km da rede de estradas autonómicas para os vindeiros anos

Este contrato, licitado por 105.000 €, inclúen a elaboración dun prego adicional de contratación dirixida exclusivamente á reparación e mantemento de obras de paso
 

Definiranse os pregos técnicos que rexerán as condicións dos novos contratos destes servizos, que permiten unha vixilancia e control das vías, ademais dun servizo especializado nas actuacións de rehabilitación nas pontes e obras de paso
 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade traballa co obxectivo de ter os pregos redactados no segundo semestre de 2024 para licitar os contratos novos de conservación a finais dese exercicio
 

A conservación e a mellora da rede viaria autonómica é materia estratéxica para a Xunta, que eleva en 2024 os recursos destinados a esta materia un 8%, ata os case 53 M€
 

As tarefas de conservación e vialidade invernal realízanse actualmente a través de sete contratos de asistencia, licitados no seu día por 133,5 millóns de euros
 

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2023

A Xunta recibiu cinco ofertas de empresas para a redacción dos pregos que permitirán a licitación dos contratos de conservación ordinaria e vialidade invernal na rede autonómica de estradas de Galicia para os vindeiros anos.  

Este contrato, licitado pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade por un orzamento de 105.000 euros, inclúe a elaboración dun prego adicional dirixido exclusivamente á reparación e mantemento de obras de paso. 

Conservación ordinaria e vialidade invernal

Deste xeito, por unha banda, a través deste contrato, o adxudicatario definirá os pregos técnicos, un para cada zona da rede de estradas de titularidade da Xunta, que rexerán as condicións dos novos contratos destes servizos, que permiten unha vixilancia e control das estradas para detectar anomalías e corrixilas o antes posible; ademais dun servizo especializado nas actuacións de rehabilitación nas pontes, viadutos e noiros.  

O obxectivo final dos contratos é manter os 5.500 km da rede viaria de titularidade da Xunta nas mellores condicións para garantir a seguridade viaria e propiciar desprazamentos máis cómodos e seguros aos usuarios, un dos traballos prioritarios para o Goberno galego. 

A ampla extensión da rede viaria autonómica fai necesario establecer 7 áreas diferenciadas para a mellor organización do traballo: as provincias da Coruña, de Lugo e de Pontevedra contan con dúas áreas cada unha, norte e sur; e unha única área na provincia de Ourense. 

Obras de paso

Aos 7 pregos habituais para estas 7 zonas, engádese un oitavo prego, dirixido exclusivamente á conservación de obras de paso, é dicir, estruturas como pontes e viadutos da rede autonómica. Con este servizo, trátase de favorecer un servizo que sexa áxil e flexible como ferramenta para realizar labores que son moi especializados e que se considera preciso segregar do resto de labores da conservación. 

Así, nos últimos anos, a Xunta vén realizando un seguimento continuo do estado das pontes, viadutos, muros e noiros, do que se derivan actuacións de rehabilitación específicas, en caso de ser necesarias. 

Esta medida, na que Galicia é pioneira, está a ser unha ferramenta de grande axuda tendo en conta a orografía, a topografía e a climatoloxía da comunidade, que condicionan, en boa parte, o deseño das infraestruturas viarias. 

Neste caso, baixo este contrato, o adxudicatario deberá definir os diferentes tipos de actuacións de reparación e conservación de obras de paso, en función das tipoloxías das infraestruturas existentes e os tipos de danos asociados a elas. Así mesmo, deberán estimar o persoal para realizar este labor, elaborar un orzamento con todas as unidades de obra e medios auxiliares necesarios para realizar estes traballos. 

O obxectivo do departamento de Infraestruturas da Xunta é ter os pregos redactados no segundo semestre do ano para licitar os contratos novos de conservación a finais de 2024. 

A rede viaria de Galicia incrementouse de forma notable nos últimos anos, nos que se fixeron máis patentes, tamén, os efectos do cambio climático e a necesidade de esforzarse en manter as estradas en boas condicións para reducir os riscos.  

Nese contexto, o departamento de Infraestruturas da Xunta vai destinar o vindeiro ano un 8% máis de investimento á conservación e mellora da rede viaria autonómica, o que supón elevar en 2024 os recursos destinados a este fin ata os case 53 M€. 

Cómpre lembrar que as tarefas de conservación e vialidade invernal realízanse actualmente a través de sete contratos de asistencia, licitados no seu día por 133,5 millóns de euros. Os contratos estarán vixentes ata setembro do vindeiro ano 2025.

 

Data de actualización: 18/12/2023