Xunta e Concello da Baña completan reformas por de máis 48.000 € no centro de saúde municipal

O delegado da Xunta na Coruña visita as obras de reforma do centro de saúde de A Baña

As actuacións tiveron un orzamento de mais de 48.000 € e son froito dun convenio de colaboración entre a Xunta e o concello de A Baña ao tratarse dun edificio de titularidade municipal

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 116 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 83.000 metros cadrados

A Baña (A Coruña), 18 de decembro de 2023

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, pola xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Eloína Núñez, polo alcalde de A Baña, José Antonio Pereira Gil, pola directora de Recursos Económicos da área sanitaria de Santiago, María José López Rebollo e polo director de Atención Primaria, Felipe Calle, supervisaron as obras de reforma do centro de saúde desa localidade. 

O orzamento das obras foi de mais de 48.000 € e foron froito dun convenio de colaboración entre a Xunta e o Goberno local ao tratarse dun edificio de titularidade municipal. Pola súa parte, o Concello foi o encargado de levar a cabo as actuacións necesarias para a correcta execución das obras coa redacción do documento técnico necesario para a execución das obras, licitación e execución das mesmas.

As obras que se visitan consistiron na substitución das luminarias existentes por unhas de tipo led, co conseguinte aforro enerxético, a limpeza da fachada exterior e a revisión da cuberta.

Colaboración cos concellos

A Xunta continúa colaborando cos concellos que manteñen centros de saúde de titularidade municipal. Así, desde o 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde de titularidade municipal.

No orzamento para o 2023 a Xunta reforzou unha vez mais o seu apoio a estas entidades locais e incrementou ata os 2,6 millóns de euros a partida- un 8 %-. En particular o concello de A Baña recibiu no 2023 a cantidade de 23.420 euros para financiar o mantemento da instalación sanitaria.

Con isto, a Xunta de Galicia ten destinado desde 2017 máis de 15 millóns de euros a financiar os gastos de funcionamento de 156 centros de saúde de titularidade municipal.

Renovación de infraestruturas de atención primaria

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 116 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 83.000 metros cadrados. A eles hai que engadir os 4 que están actualmente en marcha (Lalín, O Porriño, Moaña e CIS Olimpia Valencia en Vigo). En total, a Administración autonómica investiu, nestes 14 anos, máis de 130 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

Un terzo destas actuacións téñense levado a cabo en centros de saúde de titularidade municipal, nos que a Xunta de Galicia achega fondos para cofinanciar a obra. Así durante esta lexislatura, a Xunta achegou máis de 1,2 millóns de euros para 35 convenios de reforma de centros de saúde de titularidade municipal como este, asumindo os concellos a outra parte do gasto.

En particular, na provincia de A Coruña, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como os de Oleiros, Espasante-Ortigueira, Vilarmaior, Agualada-Coristanco, A Coruña (Novo Mesoiro), Sigüeiro-Oroso, As Somozas, Cambre-O Temple, Buño-Malpica, Santiago (Galeras), Arteixo (Villarodis), Culleredo, A Capela, Ares, A Laracha, Milladoiro, Melide e Narón e reformáronse os de Cambre, Padrón, Ferrol-Serantes, Ortigueira, As Pontes, Ribeira (pequenas obras de reforma), Mugardos e Bertamiráns.

Para continuar con este esforzo, no 2021 o Goberno galego aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que no caso da provincia de A Coruña, permitiu xa a sinatura de convenios para a construción de novos centros en Abegondo (co proxecto arquitectónico xa redactado), A Coruña (Santa Lucía) ou Noia (co proxecto xa encomendado a AXI), así como para a transformación do centro de saúde de Carballo en Centro Integral de Saúde (con protocolo asinado). 

A execución simultánea destes proxectos é posible grazas a que os Orzamentos da Xunta de Galicia para 2023 incrementaron os fondos para investimentos en atención primaria nun 65 %, ata os 56 millóns de euros. É a maior cantidade de fondos no capítulo de investimentos dedicada á atención primaria dos últimos 20 anos, mesmo superior ao de 2021, que contaba co fondo extraordinario COVID.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/12/2023