A Xunta inviste máis de 187.000 € na restauración da igrexa de Santa Rita de Xuvia, en Narón

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, supervisou esta mañá os traballos que se ultiman estes días co pintado final

As obras, executadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, consistiron na renovación dos morteiros nas partes baixas do inmoble

Narón (A Coruña), 18 de decembro de 2023

A Xunta inviste 187.043 euros nas obras de restauración dos morteiros da zona baixa da igrexa de Santa Rita de Xuvia, en Narón. A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do bispo da Diócese Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos, supervisou esta mañá os traballos acometidos pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e que se ultiman estes días co pintado final.

A igrexa de Santa Rita de Xuvia, protexida polo seu valor cultural ao ser un ben incluído no Catálogo do Patrimonio de Galicia, presentaba unha serie de problemas derivados do mal estado de conservación dos morteiros das partes baixas do interior da igrexa e nas torres, así como problemas de oxidación de certos elementos metálicos derivados da presenza de humidade e filtracións no interior do inmoble.

As obras executadas incluíron a renovación dos morteiros, aplicando un novo revoco de morteiro de cal deshumidificante e pintura de silicato, así como a limpeza e posterior pintado con esmalte fronte á corrosión dos elementos metálicos.

A delegada territorial enmarcou as actuacións no compromiso do Goberno galego por “manter e preservar nas mellores condicións posibles o rico patrimonio cultural co que conta Galicia, dando solución aos problemas derivados do paso do tempo, como é o caso da igrexa de Santa Rita de Xuvia”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/12/2023