A Xunta impulsa por máis de 500.000€ a reconversión do antigo sanatorio de O Paraxón nun novo reclamo turístico das mariñas coruñesas

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visita xunto ao rexedor de Oza-Cesuras este inmoble xa rehabilitado no que se están estudando os seus novo usos

As actuacións enmárcanse no compromiso do Goberno autonómico por poñer en valor o papel da actividade turística na conservación do legado arquitectónico
 

Oza-Cesuras (A Coruña), 18 de decembro de 2023

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visitou hoxe o antigo Sanatorio de O Paraxón, en Oza Cesuras, que vén de rematar os seus traballos de rehabilitación cunha achega económica de máis de 500.000 euros por parte de Turismo de Galicia. 

En compañía do rexedor do municipio, José Pablo González, Xosé Merelles comprobou o resultado dos traballos nos que levaron a cabo neste edificio modernista proxectado nos anos 20 e situado nun enclave especial, no medio dun dos bosques de Piñeiro e eucalipto máis frondosos de toda Galicia e no marco da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

“Coa rehabilitación recuperamos un edificio simbólico da zona que se converterá, de seguro, nun novo reclamo turístico das Mariñas coruñesas”, expresa Xosé Manuel Merelles. Como se comprobou na visita, actualmente o edificio está rehabilitado na súa parte exterior e quedan remates interiores e da urbanización da contorna. Ademais, estanse a estudar os seus futuros usos coa intención de reforzar o seu potencial turístico.. 

As actuación neste ben enmárcase no traballo levado a cabo polo Goberno autonómico para poñer en valor o papel do turismo na recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico de Galicia, así como a dinamización e desenvolvemento de contornas rurais da Comunidade galega.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/12/2023