O plan autonómico para formar persoas ocupadas chegará a máis de 20.700 traballadores e contará cun orzamento de case 9,5 millóns de euros

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a ampliación do investimento desta orde coa que a Xunta quere mellorar a formación demandada para os profesionais

A Xunta considera colectivos prioritarios destinatarios dos cursos as mulleres, vítimas da violencia de xénero e as persoas traballadoras menores de 30 anos ou maiores de 45, con empregos a tempo parcial ou afectados por ERTE
 

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2023

A Xunta destinará no período 2023-2024 un total de 9,5 millóns de euros á formación de máis de 20.700 persoas ocupadas a través de centros e entidades de formación profesional acreditada co obxectivo de dar resposta ás demandas de cualificación e do mercado laboral. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a ampliación do orzamento da convocatoria, que pasa dos 5,5 millóns de euros aos case 9,5, máis do 41% por enriba do presupostado na anterior edición, o que  permitirá incrementar o número de accións formativas a desenvolver ata acadar as 787.  

A convocatoria, que se dirixe a entidades titulares de centros ou entidades de formación, prioriza a oferta en especialidades formativas con maior demanda, a diversificación territorial do alumnado e a variedade dos cursos.

O alumnado por primeira vez pode simultanear dúas formacións e a Xunta de Galicia pon a dispor o Campus Virtual de formación para o emprego de balde para as entidades que opten pola modalidade presencial en aula virtual.

Este plan está dirixido prioritariamente a persoas que estean ocupadas no comezo da formación. Poden beneficiarse das accións persoas traballadoras ou socias das empresas da economía social que acheguen actividade económica, tamén autónomas e autónomos e persoal afectado por medidas temporais de suspensión de contrato (como ERTEs), ou dun expediente de regulación de emprego (ERE). A Xunta permite que poidan participar nas accións tamén persoas traballadoras desempregadas, ata un límite do 30% do número de participantes.

A Xunta inclúe nesta orde como colectivos prioritarios para recibir formación as mulleres, vítimas de violencia de xénero, menores de 30 anos ou maiores de 45, persoas traballadoras a tempo parcial, emigrantes retornados e persoas inmersas en ERTE. Como en anteriores edicións mantense o apoio ás actividades formativas con participación do 100% do alumnado con discapacidade.

As accións formativas iniciadas neste 2023 deberán rematar como data límite o 20 de decembro. Para as que abrangan as dúas anualidades (2023 e 2024) ou teñan lugar soamente en 2024, deberán finalizar antes do 30 de setembro de 2024.

A formación para o emprego axustada ás necesidades do mercado é unha prioridade para a Xunta de Galicia. En 2024 o Plan galego de formación para o emprego amplía o seu orzamento ata superar os 117 millóns de euros, un 12,9% máis que no exercicio anterior.

 
Ligazón á orde no DOG:

Data de actualización: 18/12/2023