A Xunta leva a campaña de ‘GALICIA SABE AMAR’ a Porto do Son na que se enxalza a saúde e a calidade de vida que están detrás do consumo dos produtos do mar

Porto do Son (A Coruña), 17 de decembro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou hoxe a foodtruck da campaña GALICIA SABE AMAR que se achegou ao concello coruñés de Porto do Son, onde enxalzou os produtos das rías galegas e instou a que sexan parte dunha dieta saudable e equilibrada que elevará a calidade de vida dos seus consumidores. O titular de Mar, acompañado polo alcalde da localidade, Luís Oujo, sinalou que esta campaña tamén é unha forma de apoiar á xente do mar, incentivando o consumo do peixe e marisco e reiterou o apoio da Xunta de Galicia á promoción dos produtos pesqueiros galegos e a por en valor as súas propiedades nutricionais e gastronómicas para incentivar o seu consumo.

Alfonso Villares valorou moi positivamente o impacto desta iniciativa que está a piques de rachar a barreira das 400.000 persoas participantes de preto de 400 concellos galegos e de parte de España que puideron gozar dalgúns dos petiscos deseñados especialmente para esta campaña co mellor sabor do mar de Galicia. O responsable autonómico tamén resaltou a importancia de destacar o traballo e bo facer dos homes e mulleres do mar, auténticos artífices de que cheguen estes alimentos nutritivos e saborosos nas mellores condicións aos nosos pratos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/12/2023