A Consellería de Sanidade asina cos servizos de atención primaria 28 novos Plans locais de saúde para o período 2024-2027

Na actualidade, xa son 71 os centros que contan cun plan local de saúde, o que supón preto do 50 % dos servizos de atención primaria

O obxectivo destes plans é implantar unha atención integral, centrada na persoa

Con posterioridade ao acto de sinatura, tivo lugar un foro de boas prácticas na implementación de Plans locais de saúde

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2023

A xerente do Servizo Galego de Saúde, Estrella López-Pardo, participou esta semana no acto de sinatura dos 28 novos Plans locais de saúde 2024-2027 do Sergas, correspondentes aos servizos de atención primaria de Miño, Abente-Lago (A Coruña), Sada, Ponteceso, Lalín, Oroso, Padrón, Arzúa, Fontenla Maristany (Ferrol), Serantes (Ferrol), Fene, San Sadurniño, Palas de Rei, Ribadeo, Burela, Sagrado Corazón (Lugo), O Carballiño, Ribadavia, Celanova, Valle-Inclán (Ourense), Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis, O Grove, Marín, A Cañiza, A Doblada (Vigo), Beiramar (Vigo) e Redondela. No acto, a xerente estivo acompañada pola directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Sofía López Linares.

Tal e como detallou a xerente no acto, no pasado ano asináronse os primeiros 14 Plans locais de saúde, e na actualidade xa son 71 os centros que contan cun plan local, o que supón preto do 50 % dos servizos de atención primaria de Galicia. Uns servizos que, -tal e como incidiu Estrella López-Pardo-, forman parte dunha folla de ruta estratéxica que está a ser panca de cambio da atención primaria, no obxectivo do departamento sanitario galego por mellorar a saúde da poboación e a eficiencia do servizo, así como por incrementar a satisfacción dos profesionais e a calidade e experiencia do paciente.

Para Estrella López-Pardo, o obxectivo destes plans é implantar unha atención integral centrada na persoa, de aí que ofrezan unha visión familiar e comunitaria da acción do centro de saúde, achegando unha maior equidade, accesibilidade e proximidade no trato ao paciente.

Xunto ao anterior, hai que sumar unha mellor organización das axendas dos profesionais e o desenvolvemento da función comunitaria dos centros de saúde, co obxecto de que os traballadores de cada centro participen en labores de promoción e prevención da saúde en colaboración cos servizos do seu concello, cos centros educativos, os servizos sociais, as asociacións e a cidadanía.

Tal e como subliñou Estrella López-Pardo, cada plan inclúe un conxunto de accións definidas por parte dos responsables dos servizos de primaria, e, pola súa parte, as xerencias das áreas sanitarias adquiren un compromiso de colaboración e soporte, o que supón que estes plans son a mellor radiografía da saúde da veciñanza de cada unha destas localidades.

Na sinatura destes plans reflíctese o resultado do compromiso dos grupos de traballo de cada servizo de atención primaria. Trátase, -proseguiu a xerente-, de equipos multidisciplinares integrados por persoal médico, de enfermería, farmacia, odontoloxía, traballo social, matronas, hixienistas e de xestión. A todos eles, Estrella López-Pardo agradeceulles o seu traballo na procura dunha maior calidade asistencial.

Enquisas a usuarios e profesionais

Cómpre remarcar que as enquisas realizadas polo departamento sanitario galego, tanto a usuarios como profesionais, sobre os plans locais de saúde, reflicten altas valoracións dos mesmos. En concreto, a valoración media dos usuarios de todas as áreas sanitarias supera unha puntuación de 4 sobre 5.

Foro de boas prácticas

Con posterioridade ao acto de sinatura, tivo lugar un foro de boas prácticas na implementación de Plans locais de saúde. A primeira das mesas deste foro foi moderada pola xerente do Sergas, e nela abordouse o estado de situación e futuro dos plans. Na segunda das mesas, moderada polo director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, falouse das boas prácticas en xestión da demanda, eficiencia, seguridade, aprendizaxe, innovación e motivación.

As boas prácticas en prevención, paciente crónico e domiciliario, foi o tema tratado na terceira das mesas, que estivo moderada por Consuelo Benito, da Dirección Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria. Para rematar o foro, Carmen Durán, directora xeral de Saúde Pública, moderou unha mesa sobre boas prácticas en accións comunitarias na atención primaria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/12/2023