Alfonso Villares celebra a concesión da Medalla de Ouro de Viveiro á Confraría de Pescadores de Celeiro polo seu centenario

Viveiro (Lugo), 16 de decembro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou hoxe no acto de entrega da Medalla de Ouro da Moi Noble e Moi Leal Cidade de Viveiro á Confraría de Celeiro con motivo da celebración do seu centenario. O titular de Mar celebrou este xusto recoñecemento ao pósito e enxalzou o seu compromiso e os 100 anos de traballo desta entidade na defensa dos profesionais do sector e do porvir da súa actividade. Louvou a traxectoria da confraría máis antiga da provincia de Lugo e o labor dos 18 patróns maiores que van desde o primeiro en 1923, Bonifacio Cora, Pañoletas, ata Domingo Rey Seijas que lidera a confraría na actualidade.

Alfonso Villares puxo en valor a importancia do porto Celeiro no que a pescada é o produto estrela, acaparando no 2022 o 45 % das descargas e preto da metade do valor xerado nas lonxas galegas. Tamén destacou que as 25 embarcacións vinculadas a este porto lucense concentran case o 30 % de toda a capacidade pesqueira deste peixe en augas europeas e que conta con dúas marcas Merluza do pincho de Celeiro e Merluza de volanta de Celeiro para poñer en valor un produto extraído polos armadores lucenses no Gran Sol a través de artes selectivas e sostibles. O responsable trasladou á entidade homenaxeada o compromiso da Xunta de poñer en marcha políticas que contribúan a garantir o futuro do sector marítimo-pesqueiro galego a hora de enfrontar os retos presentes e futuros.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 16/12/2023