O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde do concello, Daniel Veiga, estiveron hoxe cos profesionais e usuarios do servizo

A Xunta financiará novas melloras no centro de día público de Ribadeo, que celebra o seu 20 aniversario

Destinaranse 50.000 euros para novas obras que darán continuidade á mellora da carpintería exterior xa levada a cabo recentemente

Ribadeo (Lugo), 16 de decembro de 2023

A Xunta de Galicia asinará un novo convenio co Concello de Ribadeo para continuar coas melloras do seu centro de día municipal, pertencente á rede pública autonómica e que está a celebrar os vinte anos de actividade. Con motivo deste aniversario, o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, estivo esta tarde cos profesionais e os usuarios deste servizo, así como cos seus familiares. Na visita tamén participou o alcalde do municipio, Daniel Veiga.

Perfecto Rodríguez puxo en valor os coidados especializados que se prestan nestas instalacións á vintena de maiores que acoden diariamente a elas, así como o bo facer de todo o seu persoal. Ademais, apuntou que o vindeiro ano realizaranse en colaboración co Concello novas obras de mellora, ás que se destinarán arredor de 50.000 euros.

Neste sentido, o xerente do Consorcio destacou a importancia da colaboración entre administracións para que as familias poidan ter á súa disposición uns equipamentos de calidade. Así, lembrou que recentemente se levou a cabo a mellora da carpintería exterior, coa substitución das porta de madeira de máis de sete metros de altura situadas na planta baixa deste edificio singular de titularidade municipal.

Para conmemorar o 20 aniversario deste centro de día proxectouse un vídeo sobre todos estes anos de funcionamento, realizáronse actividades de animación a cargo da asociación ‘As Vacas Fracas’, os asistentes desfrutaron dun pequeno ágape gastronómico e recitouse o poema ‘Fíos de luz de lúa’ de Luz Fandiño.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/12/2023