A Xunta salienta a importancia dos produtos agroalimentarios con selo de calidade a través da campaña Come local en centros educativos

Cambre (A Coruña), 15 de decembro de 2023

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou hoxe nunha actividade enmarcada na campaña “Come Local 2023”, que ten por obxectivo promocionar o produto de proximidade como parte do Pacto Verde Europeo e a estratexia “Da Granxa á mesa” da Unión Europea. Esta xornada desenvolveuse no CEIP Wenceslao Fernández Flórez de Cambre e serviu para dar a coñecer a medio milleiro de participantes os produtos e produtores que cooperan nesta iniciativa de promoción dos selos de calidade alimentaria galego, así como impulsar o seu consumo nos comedores escolares.

Na actividade, os cativos participaron en diversos xogos coa temáticas das experiencias de calidade alimentaria. Ademais, os asistentes contaron cunha charla informativa na que estiveron varios produtores locais como a horta “Os Biosbardos”, inscrita no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CREAGA); “Queserías del Eume”, da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Queixo Tetilla; Leonardo Rodríguez, produtor de Coristanco amparado pola Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pataca de Galicia; José Cuadrado, presidente do Consello Regulador da IXP Faba de Lourenzá; e “Jamones González”, operador inscrito en CREAGA e na IXP Lacón Gallego. Finalmente, degustaron uns petiscos elaborados polo persoal de cociña do centro a base de produtos amparados por selos de calidade agroalimentaria galega.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/12/2023