A Xunta anima ás mulleres galegas a inscribirse no programa ‘Lideramos’ para impulsar o talento feminino e a formación en xestión de equipos

Ata 120 mulleres das catro provincias poderán participar en obradoiros e en clases maxistrais en liña, así como en sesións de networking e formación presencial atendendo ao fortalecemento de perfís ou ás competencias brandas

Trátase dun proxecto encamiñado á redución da fenda de xénero nos postos directivos das empresas, tendo en conta que Galicia xa se sitúa como unha das tres primeiras comunidades de España onde as mulleres ocupan máis estes postos

As interesadas no proxecto -que se desenvolverá do 27 de decembro ao 11 de abril- poderán apuntarse na web www.lideramos.gal

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2023

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade abriu o prazo de inscrición para que as mulleres interesadas poidan sumarse ao programa formativo Lideramos, dirixido a impulsar o talento e liderado feminino e a formación específica en xestión de equipos. Ata 120 mulleres das catro provincias galegas poderán participar nas distintas actividades, que se desenvolverán entre o 27 de decembro e o 11 de abril.

 

A formación, que se impartirá en modalidade híbrida, estará composta por obradoiros e clases maxistrais en liña para os distintos equipos de traballo e sesións de networking e formación presencial co fin de abordar diferentes temáticas e obxectivos de modo transversal. O programa Lideramos céntrase así no fortalecemento de novos perfís profesionais, no desenvolvemento do talento e na formación en competencias brandas -especialmente na área de xestión de equipos-, reforzando o compromiso da Xunta de Galicia a prol da igualdade de xénero.

 

Deste xeito, os obxectivos do proxecto son os de reforzar o liderado feminino e a competencia da xestión executiva en Galicia, avanzar na xestión eficaz dos equipos para desenvolver o talento e o benestar nas empresas e promover o autoliderado e a mellora das competencias brandas. Tamén impulsar a interrelación entre as participantes no programa, ofrecer formación práctica en xestión e liderado e mellorar as capacidades de liderado e comunicación, destacando as fortalezas e talentos individuais.

 

A maiores, búscase promover o autocoñecemento e o desenvolvemento persoal mediante sesións de coaching individualizadas e coñecer as principais forzas motivadoras dos diferentes equipos, así como alentalas a seguir progresando.

 

Así, trátase dun proxecto de fomento do crecemento do talento feminino nos postos directivos de cara á redución da fenda de xénero, consolidando á Comunidade galega como referente tendo en conta que xa se sitúa como unha das tres primeiras de España nas que as mulleres ocupan máis postos directivos.

 

As mulleres participantes poderán sumarse tamén aos outros programas de fomento do liderado feminino que promove cada ano a Xunta, promovendo un clima de rede entre as mulleres directivas galegas que impulse o desenvolvemento e unha contorna de crecemento global, aliñados e en sinerxía coas mulleres que hoxe dirixen, lideran e xestionan equipos dentro do tecido empresarial galego.

 

Inscrición

A inscrición pode facerse na web do programa (www.lideramos.gal), na que se recolle todo o contido do proxecto, así como a ficha de inscrición de cada colectivo e provincia.

 

Esta web recollerá todas as novidades, eventos e contidos de interese que se xeren durante o transcurso do proxecto nos diferentes grupos e accións. As interesadas ​​tamén poden enviar as súas consultas ao correo electrónico leadership@lideramos.gal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/12/2023