A Xunta organiza este Nadal dúas novas xornadas de cine e show científico no CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol

As sesións, dirixidas a un público familiar e de carácter gratuíto previa reserva, celebraranse os vindeiros 22 e 29 de decembro pola mañá e incluirán a proxección dunha película e un espectáculo científico

Para facilitar a asistencia, ponse a disposición dos asistentes un servizo de buses de balde con rutas desde Narón e Ferrol
 

Ferrol, 16 de decembro de 2023

O CIS Tecnoloxía e Deseño, dependente da Consellería de Economía, Industria e Innovación, organiza dúas novas xornadas de cine e show científico dirixidas a un público familiar os próximos 22 e 29 de decembro, despois da boa acollida das xornadas celebradas o pasado verán. 

A proposta consiste na proxección dunha película seguida dun espectáculo científico no que se analizará o seu contido dun xeito ameno e didáctico, levando a cabo experimentos e reflexionando sobre a importancia da ciencia e a tecnoloxía para a sociedade.

A primeira xornada celebrarase o día 22 de decembro, coa proxección da primeira película da saga Star Wars (Episodio IV. Unha nova esperanza), que permitirá abordar na charla a relación entre ciencia e ciencia ficción. A data límite de inscrición é o 20 de decembro de 2023. A segunda xornada terá lugar o día 29 de decembro, coa proxección da película de animación Robots e unha charla sobre a innovación tecnolóxica, a intelixencia artificial e a robótica. A data límite de inscrición para esta sesión é o 27 de decembro de 2023.

A proposta busca achegar a ciencia, a tecnoloxía e a innovación á cidadanía dun xeito atractivo, cun formato que permita aos asistentes gozar dunha experiencia de comunicación científica innovadora e apta para todo tipo de públicos a partir de 7 anos.

As xornadas de cine e show científico son gratuítas. Terán lugar no salón de actos do CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol en horario de 11:30 a 14:00 horas. Para facilitar a asistencia, a organización pon a disposición dos asistentes un servizo de buses de balde con rutas desde Narón e Ferrol.

Toda a información sobre contidos, rutas dos buses, datas límite e formularios de inscrición está dispoñible na web do CIS Tecnoloxía e Deseño.

Data de actualización: 16/12/2023