O programa Galicia Camiño Emprendedor que impulsa a Xunta remata coa participación de 80 persoas

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou hoxe na última etapa desta iniciativa que promove o mentoring combinado co reto de realizar os percorridos do Camiño

O programa comezou en setembro e incluíu catro percorridos por tramos do Camiño de Santiago das catro provincias
 

 

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2023

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, percorreu hoxe os quilómetros finais da última etapa do programa Galicia Camiño Emprendedor (Arzúa- Arca (O Pino)-Santiago de Compostela) co que a Xunta impulsa o emprendemento e o emprego autónomo en Galicia. A actuación, tras o percorrido de catro etapas do Camiño, rematou hoxe coa participación de preto de 80 persoas.

Trátase dunha iniciativa que combina as accións de acompañamento a emprendedores coa realización de tramos do Camiño de Santiago para apoiar a profesionais autónomos e empresarios, acompañándoos na consolidación e mellora dos seus negocios. Tamén se trata de promover a sustentabilidade nas empresas da economía social e no traballo autónomo.

Outro dos beneficios desta acción, que a Administración autonómica desenvolve en colaboración coa Fundación Ronsel, consiste en facilitar a  xeración de contactos profesionais entre os participantes, así como promocionar Galicia e o Camiño de Santiago como destino de ocio e actividade económica.  

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social sinalou que a Xunta segue ao carón das persoas emprendedoras e, por iso, indicou que os orzamentos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para 2024 inclúen iniciativas para crear novo emprego, a consolidar o existente por conta allea e promover o crecemento sustentable das actividades vinculadas coa economía social.

Entre as políticas que beneficiarán ao colectivo dos autónomos, incluirase a cota cero para todas as novas altas rexistradas neste réxime entre o 30 de setembro de 2023 ata o 30 de setembro de 2024 e durante doce meses. Esta medida, sumada ao reforzo do programa de Promoción do emprego autónomo xa existente, elevará ata case os 29 millóns de euros os apoios para que os traballadores por conta propia que inicien a súa actividade.

O emprendemento será unha das grandes apostas do exercicio, cun orzamento de 30,6 millóns de euros, un 51,6% máis que en 2023. Entre as actuacións neste eido inclúese unha nova liña de axudas para fomentar a remuda xeracional a través dunha bolsa de substitución de negocios. En 2024 consolidarase ademais a Rede de polos coa que a Xunta está a acompañar no inicio e en todas as etapas do seu emprendemento a centos de galegos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/12/2023