A Xunta inviste 140.000 euros na renovación da cuberta do polideportivo de Rodeiro e na instalación de placas fotovoltaicas

Esta axuda permitiu mellorar substancialmente a eficiencia enerxética do edificio que pasará a ser practicamente autosuficiente

Entre o 2019 e o 2022 a Xunta investiu en Rodeiro máis de 440.000 euros soamente en liñas de colaboración coa administración local
 

Rodeiro (Pontevedra), 15 de decembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o resultado das obras realizadas no Polideportivo de Rodeiro, onde a Xunta financiou os traballos de cuberta e a instalación solar fotovoltaica cunha axuda de 140.000 euros.  

Trátase dunha axuda ao abeiro do fondo adicional ao fondo de cooperación local destinado aos concellos de Galicia con poboación menor a 15.000 habitantes e que neste caso permitirá mellorar a eficiencia enerxética deste edificio. Así, as obras permitiron instalar unha nova cuberta con panel sándwich con núcleo de poliuretano de alta densidade que mellora substancialmente o illamento térmico do polideportivo.  

Neste sentido, Reguera aproveitou a visita para destacar o “esforzo que está a facer a Xunta para mellorar a eficiencia enerxética dos edificios municipais”, algo que “non solo ten un efecto moi positivo na factura da luz, senón que ademais reduce a pegada de carbono dos concellos galegos”.  

Ademais da obra da cuberta, a actuación incluíu a instalación de paneis fotovoltaicos. Desta forma o polideportivo poderá xerar boa parte da enerxía que precisa. Estes paneis fotovoltaicos de última xeración permiten xerar preto de 32.050 kwh/ano.

Para rematar, o delegado territorial fixo referencia ao gran compromiso da Xunta co concello de Rodeiro, lembrando que entre o ano 2019 e o 2022 a Xunta concedeu axudas por valor de máis de 400.000 euros, soamente en liñas de colaboración coa administración local.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/12/2023