Ángeles Vázquez e o alcalde de Trasmiras analizan o proxecto para dotar o concello dun novo cemiterio

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2023

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse recentemente co alcalde de Trasmiras, Emilio José Pazos, para analizar o proxecto para dotar o concello dun novo cemiterio.

Durante o encontro, abordaron o estado de tramitación do Plan especial de Infraestruturas e Dotacións necesario para levar a cabo o proxecto para construír un novo cemiterio de titularidade municipal na parroquia de Vilaseca. Este documento é necesario para que o Concello poida transformar a cualificación urbanística da parcela na que está previsto executar esta actuación, que conta cunha superficie de máis de 8.800 metros cadrados.

Tal e como lembrou o alcalde, a necesidade deste equipamento municipal xorde da ocupación total do cemiterio existente vencellado á igrexa parroquial de Vilaseca.

Pola súa banda, a vicepresidenta segunda subliñou que o Goberno galego mantén o seu compromiso cos pequenos concellos colaborando cos coas administracións locais para avanzar cara a un desenvolvemento sostible e á fixación da poboación no rural a través da dotación de mellores servizos e equipamentos.

A maiores, no encontro, tamén avaliaron a ampliación a rede de sendas peonís do municipio. Nesa liña, Ángeles Vázquez avanzou que o seu departamento estudará esta iniciativa que, ademais de poñer en valor o patrimonio natural da zona, permitiría crear atractivos turísticos e captar visitantes para recorrer a zona e gozar dos valores deste concello.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/12/2023